Comida e subministro domiciliario para 40 familias de Cerdedo-Cotobade​ durante o estado de alarma

Cerdedo-Cotobade
27 de marzo 2020

A agrupación de Protección Civil encárgase da compra de comida e medicamentos e o seu traslado ás vivendas dos solicitantes. Previamente, os usuarios deben poñese en contacto con Servizos Sociais para formalizar o seu pedido 

Repartición de alimentos en Cerdedo-Cotobade
Repartición de alimentos en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade atende estes días un total de 40 familias do municipio co servizo de transporte domiciliario de subministros básicos a persoas maiores, dependentes, con discapacidade ou con mobilidade reducida e coa entrega de cheques alimentarios a familias con poucos recursos.

Segundo a información facilitada polo Concello, trátase dun servizo posto en marcha marco do actual estado de alarma derivado da crise sanitaria do coronavirus para intentar garantir que a cidadanía cumpra os requisitos de confinamento. 

A agrupación de Protección Civil encárgase da compra de comida e medicamentos e o seu traslado ás vivendas dos solicitantes. Previamente, os usuarios deben poñerse en contacto con Servizos Sociais para formalizar o seu pedido. 

Este servizo, coordinado polo concelleiro Javier Lois, estase a realizar cun exhaustivo cumprimento das medidas de seguridade e de respecto á distancia física, xa que as compras déixanse na porta dos domicilios sen que haxa ningún tipo de contacto. Ata a data beneficiáronse un total de 25 familias a través do traballo de dous equipos, un para o territorio de Cotobade e outro para o de Cerdedo.

Protección Civil tamén está a levar aos domicilios os cheques alimentarios concedidos por Servizos Sociais a 15 familias con poucos recursos co obxectivo de que poidan adquirir a súa comida nestas semanas de confinamento coa única condición de que se realicen en supermercados e tendas do propio municipio.

Os cidadáns interesados en solicitar estes servizos deben chamar aos teléfonos 986 760001 (sede administrativa de Carballedo) ou 986 753006 (Cerdedo).

O alcalde, Jorge Cubela, explica que "estamos ante unha grave crise sanitaria que loxicamente ten fortes repercusións económicas e sociais e no noso concello" e, dado que "o primeiro sempre foron os veciños", habilitaron estes servizos porque "non imos consentir que ninguén quede atrás".