Se algo caracteriza á Feira Franca de Pontevedra é a implicación da cidadanía que, desde o primeiro ano, fixeron súa a festa coa que a Boa Vila regresa por un día á Idade Media.
E para comprobar o esmero e o coidado que poñen todos eles para recrear esa época, só había que dar unha volta polo centro histórico da cidade, polo que se repartiron as case trescentas mesas autorizadas para comer na rúa.
Menús de todo tipo, nos que predominaron as carnes asadas ou as empanadas, coroaban as mesas instaladas polos participantes, decoradas para a ocasión con todo tipo de aveños.
A elas sumáronse os postos autorizados para a hostalería local, que deron para comer e beber a todos aqueles campesiños, nobres e guerreiros que decidiron non organizar o seu propio ágape.
Entre uns e outros lograron que Pontevedra volvese a demostrar que a Feira Franca é unha festa máis que consolidada e un dos eventos que máis xente atrae á cidade.