Comezaron as obras para arranxar a estrada de acceso a Cortellas

Soutomaior
17 de setembro 2024

O Concello de Soutomaior investirá case 75.000 euros de fondos propios para que a veciñanza de Cortellas poida volver circular canto antes por esta estrada

Obras para arranxar a estrada de acceso a Cortellas
Obras para arranxar a estrada de acceso a Cortellas / Concello de Soutomaior

Comezaron as obras para arranxar a estrada de acceso ao barrio de Cortellas desde o Val-Sobral. 

O pasado mes de novembro unha parte importante do noiro natural que soporta a estrada veu abaixo nun movemento de terras producido polas escorrentías, o que obrigou a cortar o tráfico para garantir a seguridade da veciñanza.

Unha vez superadas todas as trabas administrativas que tiveron parado o proxecto durante varios meses, este luns empezou esta obra, que consiste na construción dun muro de contención de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de ancho que estabilizará o noiro natural.

O proxecto da obra foi redactado por Bercal. Consultoría Ingeniería Medioambiente e os traballos están a ser realizados por Construciones Caldevergazo. 

O obxectivo agora é adiantar os prazos o máximo posible para que a veciñanza de Cortellas  poida volver a circular canto antes por esta estrada, garantindo en todo momento a seguridade dos transeúntes.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o Concello investirá 75.000 euros de fondos propios para levar a cabo esta actuación. 

Manu Lourenzo agradeceu o traballo levado a cabo polo equipo de goberno e polas funcionarias municipais "foron meses de moito traballo técnico e administrativo".