Este xoves comezou a intervención arqueolóxica na base da cruz situada no exterior da Casa Museo de Colón, en Portosanto.
Segundo informou o Concello de Poio, trátase dunha actuación realizada en colaboración coa Xunta, que inclúe unha escavación con metodoloxía arqueolóxica na contorna da base da cruz exterior e limpeza posterior por parte dun conservador.
O alcalde, Ángel Moldes, desprazouse ata o lugar para comprobar o inicio das tarefas.
Moldes destacou que hai moita expectación sobre o que esconde a base do cruceiro de Portosanto xa que, como recorda, moitos investigadores que defenden a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón sinalan que na base estaría inscrita a frase "Juan Colón, Rº 1490".
Mesmo hai fotografías antigas, tomadas en 1917 polo arqueólogo Luis Gorostola, que confirman esta inscrición.
Precisamente, a presenza dos apelidos Colón e Fonterosa (apelido materno) nas terras de Pontevedra da época, xunto a toponimia galega empregada na xeografía do descubrimento e a linguaxe utilizada por Colón nos seus escritos, con abundantes xiros típicos do sur de Galicia, son algúns dos principais argumentos destas teorías.
A cruz de Portosanto está ao carón da Casa Museo de Cristóbal Colón, a casa natal do almirante na que, actualmente, tamén están facendo labores de mantemento e que reabrirá ao público nas vindeiras semanas.
O cruceiro de Portosanto forma parte do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia.