A Deputación de Pontevedra comezou este mesmo luns coas obras de conservación e restauración do cruceiro das Ruínas de San Domingos.
Trátase dun dos poucos cruceiros góticos existentes en Galicia, unha peza moi delicada cunha gran colonización biolóxica que, ademais do impacto estético, está a producir danos no material pétreo.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, informou que a actuación de limpeza e posta en valor do cruceiro, cunha tramitación lenta debido á implicación de varias administracións, está previsto que remate nunha semana.
As tarefas a realizar en San Domingos consistirán nunha mínima intervención para favorecer o mantemento e a conservación preventiva. Será unha limpeza en seco do cruceiro e na eliminación de depósitos de aves, plantas e briófitas.
A colonización biolóxica eliminarase con tratamento específico e retirarase e rebaixarase a reconstrución de cemento no pedestal. Tamén se realizará un rebaixe do terreo sobre o que se asenta o pedestal do cruceiro para deixar as súas letras talladas á vista.
Na actualidade o cruceiro presenta sucidade superficial debido a partículas exóxenas como po ou terra e contaminantes atmosféricos, así como deposicións das aves que se pousan nel para descansar. Ademais, a alta humidade ten provocado o desenvolvemento de liques, briófitas e plantas superiores que están a danar a pedra e a provocar unha alteración cromática.
O cruceiro das Ruínas de San Domingos atópase no lateral norte do xardín perimetral. Consta de cruz, capitel, varal e pedestal ou dado sendo a súa cruz de estilo gótico. Orixinalmente estaba situado a carón da Igrexa de San Bartolomeu "O Vello" pero, trala súa destrución, trasladouse ao actual emprazamento.