Comezan en Vilaboa os traballos de posta en valor dos petróglifos de Chan dos Areeiros

Vilaboa
03 de setembro 2015

O petróglifo de Chan dos Areeiros, situado na marxe dunha pista forestal, entre os lugares de Acuña e Areeiros, está exposto a un alto risco de deterioro debido á falta de sinalización e protección

Traballos de recuperación dos petróglifos de Chan dos Areeiros
Traballos de recuperación dos petróglifos de Chan dos Areeiros

Durante todo o mes de setembro desenvolveranse os traballos de escavación arqueolóxica, limpeza e documentación dos petróglifos do Chan dos Areeiros, situados na parroquia de Santa Cristina de Cobres.

A intervención, que permanece aberta ás visitas, complementarase cunha charla informativa orientada a difundir os valores do xacemento.

O petróglifo de Chan dos Areeiros, situado na marxe dunha pista forestal, entre os lugares de Acuña e Areeiros, está exposto a un alto risco de deterioro debido á falta de sinalización e protección. O proxecto inclúe a escavación arqueolóxica do contorno con vistas a descubrir as zonas gravadas que permanecen ocultas baixo os sedimentos, así como a documentación dos motivos e da sinalización do enclave.

Búscase así garantir a correcta conservación do sitio ao mesmo tempo que se facilita a visualización do espazo, converténdoo nun recurso turístico para o concello, que xa conta con outros exemplares de arte rupestre nun entorno natural privilexiado.

A intervención, promovida pola Xunta de Galicia, conta coa colaboración da Concellaría de Cultura e Mocidade do Concello de Vilaboa, está dirixida por Fernando Carrera Ramírez e é executada por Rock Art Conservation S.L., empresa especializada na conservación e xestión de arte rupestre.

Arquivado en