A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda inicia esta semana a primeira fase da mellora dos firmes das rúas da cidade no 2025.
O inverno deixou atrás rúas deterioradas en distintos puntos do ámbito urbano polo que o departamento municipal acometerá dende pavimentacións completas até a restauración de panos que permitan seguir empregando con seguridade os espazos públicos.
Estas primeiras pavimentacións faranse este xoves, venres e sábado no barrio de Monte Porreiro, no barrio da Seca e en Eduardo Pondal.
Para o xoves, 27 de marzo está programado o fresado e pavimentación da rúa Alemaña entre os cruzamentos das rúas Luxemburgo e Irlanda, no barrio de Monte Porreiro.
A Policía Local ten elaborado un plan de tráfico neste ámbito xa que o peche está previsto para todo o día, polo que desvía a circulación cara a rúa Luxemburgo e respecta o acceso ao centro de ensino.

Tamén se pavimentará nesa xornada o estacionamento recentemente acondicionado polo Concello na rúa Portugal.
O venres, 28 pavimentarase o novo aparcamento habilitado na rúa Grecia, de Monte Porreiro, e está programado o fresado e asfaltado da rúa do Costado entre o cruzamento da rúa Prado Novo e o barrio da Seca.
Finalmente, o sábado, 29 de marzo, está prevista a pavimentación da rotonda da estación do ferrocarril (Vialia) na rúa Eduardo Pondal con Otero Pedrayo e rúa da Estación.

A Policía Local tamén elaborou un plan de tráfico fixando desvíos da circulación no sentido de saída da cidade dende Eduardo Pondal cara Doce de novembro e Conde Bugallal.
A rúa Otero Pedrayo quedará pechada con accesos só a residentes e servizos.
Nunha segunda fase de asfaltados, mellorarase a pavimentación das rúas Illa de Man e Cambria, en Monte Porreiro, a rúa da Hortas ou o barrio de Santa Teresa de Jesús Jornet, entre outras actuacións.