Comezan as visitas da segunda edición da Semana do Patrimonio Invisible

Pontevedra
15 de xullo 2021

Entre este xoves 15 e o sábado 17 de xullo, Pontevedra celebra a Semana do Patrimonio Invisible con cinco visitas guiadas diferentes por día. Nesta primeira xornada, o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participou como visitante en dúas das visitas, acudindo ao Arquivo Histórico Provincial e a Villa Pilar

Visita ao Arquivo Provincial, antiga Casa dos Fonseca, dentro da Semana do Patrimonio Invisible
Visita ao Arquivo Provincial, antiga Casa dos Fonseca, dentro da Semana do Patrimonio Invisible / Concello de Pontevedra

Entre este xoves 15 e o sábado 17 de xullo, Pontevedra celebra a Semana do Patrimonio Invisible con cinco visitas guiadas diferentes por día.

Nesta primeira xornada, o Colexio Sagrado Corazón de Placeres, o Arquivo Histórico Provincial, o Depósito e cemiterio de San Amaro, os Xardíns de Lourizán e Villa Pilar foron percorridos por distintos grupos.

Os roteiros informativos, con asistencia de entre doce e quince persoas, precisaban dunha inscrición previa en www.patrimonioinvisible.gal. Todas eran de carácter gratuíto e abertas a calquera idade. As prazas esgotáronse en menos de tres horas trala súa saída.

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participou como visitante en dúas das visitas desta primeira xornada, acudindo ao Arquivo Histórico Provincial e a Villa Pilar.

"É habitual atopar lugares de verdadeiro interese, mesmo curiosos ou difícil de imaxinar, como a existencia dunha sala onde puideron ser practicados ritos masóns", en referencia a un dos espazos interiores do Arquivo e que orixinalmente era a Casa dos Fonseca.

Xaquín Moreda tamén fixo fincapé no positivo da experiencia a todos os niveis, quedando como proba que se esgotasen as prazas nun prazo mínimo de tempo.

"A xente sae moi contenta destas visitas, interactúa, fai preguntas e obtén un discurso rigoroso, obtendo datos históricos difíciles de atopar noutras circunstancias. Ademais, no caso do Arquivo, está o interese de coñecer tanto a compoñente histórica do edificio como do seu funcionamento actual", apuntaba o concelleiro.