A empresa EC Casas, adxudicataria das obras, iniciou este xoves 4 de outubro a reforma integral da Rúa do Gorgullón, empezando desde o cruzamento coa rúa Eduardo Pondal.
Trátase dunha actuación que cambiará por completo esta vía de entrada do Camiño Portugués á cidade, xa que "vai ter circulación aínda que vai ser de preferencia peonil", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras visitar o inicio dos traballos.
A empresa contará con 8 meses para completar a reforma, adxudicada por valor de 1,3 millóns de euros cunha baixa do 20% e varias melloras e que conta con financiamento europeo. "Por eso se retrasou o inicio, non ten nada que ver coas eleccións", sinalou Lores.
A actuación no Gorgullón é "unha obra necesaria", reiterou o alcalde, xa que se trata da vía por "onde entran 80.000 peregrinos" ao ano e atopábase "fóra do modelo de calidade da cidade".
"Vai a completar o Camiño Portugués a Santiago por toda a cidade, xa que vai ter continuidade coa obra de Virxe do Camiño que está moi avanzada e coa da Ponte do Burgo que están neste momento analizándose as ofertas para adxudicala", declarou o rexedor da capital.
A SANTIÑA, PRÓXIMO OBXECTIVO NO CAMIÑO PORTUGUÉS
Canalizadas as diferentes reformas que afectan o tramo urbano polo que pasa o Camiño de Santiago, Miguel Anxo Fernández Lores fixou cal será o próximo obxectivo de actuación respecto diso na cidade.
"Creo que a seguinte obra no Camiño ten que ser A Santiña xa", reiterou, ao que se suma "a que ten que facer a Xunta na zona de Alba e tamén no nudo do Marco que teríamos que mellorar un pouco", explicou ante os medios de comunicación.