Comezan as obras nas vías perimetrais de Barcelos, que durarán un ano

Pontevedra
16 de xaneiro 2023

Desde primeira hora da mañá empezou o valado de toda a zona afectada pola reforma que, basicamente, céntrase na renovación dos viais perimetrais

Primeiro día de obras en Barcelos
Primeiro día de obras en Barcelos / PontevedraViva

Este luns 16 de xaneiro empezaron as obras de reforma de Barcelos.

Desde primeira hora da mañá empezou o valado de toda a zona afectada pola reforma que, basicamente, céntrase na renovación dos viais perimetrais. 

A obra arrinca polo cruzamento entre a praza e a Rúa do Rouco. Xa se anulou o paso de peóns. Por agora non se contemplan cambios no tráfico. Aínda que máis adiante, nunha segunda fase, si será necesario cortar a Rúa do Rouco.

A empresa pontevedresa EC Casas executará estes traballos que se prolongarán durante un ano.

A obra foi adxudicada por 1,9 millóns de euros para renovar todos os servizos subterráneos e dicir adeus á calzada de lastra, que dará paso ao asfalto desde Perfecto Feijóo ata a Rúa do Rouco, unha superficie de 7.768 metros cadrados. Cun tratamento diferenciado fronte ao colexio de Barcelos.

O Concello de Pontevedra pretende con este cambio mellorar o tránsito e reordenar o aparcamento, ampliando as beirarrúas nas marxes da praza para favorecer a actividade comercial e facilitar a instalación de terrazas.

A portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, comentou que esta obra é "unha das máis importantes do Concello" e que xa se abordou esta primeira fase con algúns comerciantes e hostaleiros da zona, así como coa dirección do Colexio Praza de Barcelos coa "intención de interferir o menos posible" aínda sendo conscientes de que calquera obra causa molestias.

Anabel Gulías anunciou que a intención do Concello é instalar uns paneis informativos que expliquen o proxecto, incluíndo tamén algunhas notas sobre a historia deste enclave urbano.

A portavoz do Goberno Local tamén apuntou que se deixa para o verán, ao finalizar o curso lectivo, o traslado do transformador eléctrico.