Comezan as obras na Escola de Cantería para transferir o edificio "nas mellores condicións" á Xunta

Poio
05 de agosto 2022

A Deputación inviste nesta nova actuación outros 350.000 euros amais de abordar a mellora do sistema de filtrado de aire por máis de 33.000 antes da súa transferencia "nas mellores condicións" á Xunta de Galicia

Escola de Canteiría
Escola de Canteiría / Deputación de Pontevedra

A Deputación iniciou este venres as obras de reparación da cuberta e da fachada da zona de aulas na Escola de Cantería, que supoñen un novo investimento de preto de 350.000 euros.

O Goberno provincial quere garantir que o centro de formación funcione "nas mellores condicións", á espera da transferencia da súa titularidade á Xunta tralo protocolo asinado o pasado mes de xullo.

Con estes traballos darase solución aos problemas de filtracións no tellado e na fachada que afectan ao confort e funcionalidade do edificio na zona das aulas. Así, a mala execución do tellado orixinal, de panel tipo sándwich, arranxarase coa instalación dunha sobrecuberta, que se colocará sobre a actual, a partir dunha estrutura metálica que garantirá a continuidade estética e solucionará a problemática da entrada de auga. 

Tamén se substituirá a rede de pluviais e trasladarase o lucernario existente a unha nova posición que garanta a estanquidade. 

No que respecta á fachada, realizarase un recubrimento illante e térmico que se aplicará sobre o exterior, melloraranse os tubos de ventilación da cámara de aire e renovaranse as baixantes para arranxar a problemática de filtracións de auga.

Estas obras súmanse tamén ás que se iniciarán no vindeiro mes de setembro para a reparación e mantemento do sistema de filtrado de aire do inmoble, que veñen de adxudicarse pola Deputación por máis de 33.000 euros. 

Dentro da actividade da formación, o alumnado da Escola realiza obras escultóricas que requiren o uso de ferramentas especializadas, que xeran unha gran cantidade de po en suspensión polas tarefas de corte da pedra con fío de diamante, cincelado e outros traballos. Deste xeito, é necesario de xeito periódico revisar, limpar e substituír os elementos filtrantes e reparar os que o precisen, a maiores do mantemento periódico que se realiza. Neste caso realizarase un mantemento preciso que inclúe, entre outras actuacións, o pintado e cambio de pezas.

Amais destas actuacións, a Deputación de Pontevedra xa tivo que investir no 2020 outros 440.000 euros no arranxo dos defectos da execución da Escola de Cantería.