Comezan as obras de Santa Clara que Louro espera ver rematadas na primavera de 2014

Pontevedra
23 de setembro 2013

As obras contan cun orzamento de arredor de 700.000 euros e, segundo anunciou na súa visita á zona o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, o acceso ao párking de Santa Clara e aos garaxes está garantido

O concelleiro de Urbanismo agarda que as obras de Santa Clara finalicen na primavera /

Comezaron as obras de reforma da rúa Santa Clara e o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou a zona na que se espera que estean finalizados os traballos na primavera de 2014.

O presuposto rolda os 700.000 euros e segundo sinalou o concelleiro, "a prioridade no plan de obra é que o impacto no comercio sexa o menor posible. O plan de obra busca que os comerciantes, os servizos e aparcamentos de Santa Clara poidan seguir coa súa actividade e que os veciños se movan con tranquilidade".

O voceiro socialista engadiu que "hai un plan de obra que vai permitir que o parking público de Santa Clara estea permanentemente en uso e haberá un tempo en que o acceso se faga en sentido contrario o acceso. E cara aos aparcamentos tamén".

As 18 prazas de aparcadoiro actuais en Santa Clara reduciranse en 6 e estarán situadas ao principio e ao final da rúa. Ademais apuntou Antón Louro que "pode que haxa tamén algún espazo para servizos e vaise crear estes espazos tamén nas rúas transversais".

Louro indicou que a obra comeza nestas datas pola dispoñibilidade de financiamento e o desenvolvemento do proxecto. Aínda que o prazo de execución é de 13 meses, agárdase que a reforma estea finalizada en primavera tanto en superficie coma no tratamento das redes subterráneas.

O concelleiro de Urbanismo sinalou que xa consensuara a obra cos veciños e comerciantes e este próximo fin de semana volverá reunirse con eles para explicarlles o plan de obra. Louro engadiu que haberá un control destes traballos "dende os servizos técnicos municipais e se fixera falta por unha asistencia técnica externa".