Comezan as obras de construción dunha zona de lecer 'verde' en Campo da Torre

Pontevedra
06 de marzo 2023

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Pontes, visitou este luns o inicio das obras en Campo da Torre, un dos barrios máis próximos ao centro da cidade onde está prevista unha mellora do espazo para a veciñanza

Iván Puentes na súa visita ás obras en Campo da Torre
Iván Puentes na súa visita ás obras en Campo da Torre / Pontevedra Viva

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, visitou este luns o inicio das obras en Campo da Torre, un dos barrios máis próximos ao centro da cidade que tiña pendente a chegada desta transformación urbana.

Desde o Concello explican que ademais de intervir e mellorar o espazo, utilizarán o orzamento, que rolda os 75.000 euros, para levar a cabo un proxecto único na cidade. "Imos facer, en primeiro lugar, unha zona de lecer infantil absolutamente diferente a todas as que temos en Pontevedra", apuntaba o concelleiro.

O parque estará deseñado exclusivamente para a zona de Campo da Torre, con xogos inclusivos e de creatividade, tal e como comentaba o edil. Puentes apuntaba que esta vai ser unha obra modélica exposta cunha filosofía e un concepto de reutilización. "Hoxe a praza está nun estado moi mellorable pero ningúns dous elementos, salvo os vellos xogos do parque, vai ser destruído", aclaraba Ivan Puentes.

A reforma está deseñada polo arquitecto Víctor Hermo, que contempla a renovación da fonte existente coa creación de pequenas canles de auga ao redor da mesma. Entre as accións que se levarán a cabo está a colocación de troncos de madeira que se utilizarán para realizar diferentes xogos de equilibrio e escalada, tal e como explican desde o Concello.

Outro dos puntos destacados polo socialista foi a reestruturación do espazo do novo parque de lecer. "Isto, que a día de hoxe é unha illa que está rodeada de coches, transformarase nunha península", explicaba Puentes, que apuntaba que lle gañarán espazo á parte da rúa que dá á praza de touros ao ser "prescindible desde o punto de vista do tráfico rodado":

Ademais, levarase a cabo a plantación dunha árbore na parte máis asollada do parque, que contribuirá xunto ao resto de árbores da zona a proporcionar sombra e un espazo de descanso, comentan desde o PSOE local. Doutra banda, a árbore será utilizado como elemento de xogo ao crear ao seu redor unha estrutura de madeira a modo de "casa da árbore".

A obra ten un prazo de execución duns tres meses, polo que debería estar terminada para este verán segundo informan desde o Partido Socialista. "Practicamente todos os elementos que se van instalar neste parque son naturais, que desde ou punto estético son atractivos e que nos permiten combinar lecer e urbanismo coa sostenibilidade e a protección do medio", informaba Iván Puentes.