Comezan as obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa

Pontevedra
20 de setembro 2022

Os traballos, que deron comezo co formigonado do terreo de xogo, están a ser realizados pola empresa Garocaprim cun orzamento de 44.467 euros. Teñen un prazo de execución de dous meses e incluirán o axardinamento do contorno, a dotación de bancos, papeleiras e puntos de recarga e a mellora da iluminación

Obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa
Obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa / Concello de Pontevedra

Os traballos de formigado cos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha as obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, xa concluíron.

O proxecto está a ser executado pola empresa Garocaprim, ao que lle foi adxudicado cun orzamento de 44.467 euros, ten un prazo de execución de dous meses.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, lembrou que este novo equipamento multideportivo "vén a substituír ás vellas porterías que tiñamos na zona e que supuñan unha instalación de xogo bastante precaria, permitindo a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán en óptimas condicións".

Esta obra enmárcase dentro dun proxecto de reforma integral da Praza de Europa, na que ademais da pista, tamén se levará a cabo a mellora da xardinería, a iluminación e o mobiliario urbano, instalándose novos bancos, papeleiras e puntos de recarga para teléfonos móbiles.

Por outra banda, contémplase a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións da contorna.