Comezan as obras da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo

Cerdedo-Cotobade
11 de maio 2024

O presidente da Deputación, Luis López, destacou o compromiso do goberno provincial para mellorar as infraestruturas e servizos en concellos durante o acto de inicio das obras de construción da nova residencia de maiores e do centro de día de Carballedo. O goberno provincial investirá preto de dous millóns de euros para mellorar o Concello de Cerdedo-Cotobade

Comezan as obras da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo
Comezan as obras da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo / Xunta de Galicia

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, foi o encargado dar o comezo oficial á construción da residencia de maiores e do centro de día de Carballedo, que terá un investimento duns 4 millóns de euros.

Foi nun acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o xerente do Consorcio Galego de Servicios Sociais e Igualdade, Perfecto Rodríguez.

Ante unha nutrida presencia de veciños da contorna, Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción por este acto no que se comeza a materializar a construción, equipamento e explotación da residencia e centro de día para persoas maiores de Carballedo, tal e como estaba previsto e calendado.

A nova residencia emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 4 millóns de euros, cunha aportación do Concello de 750.000 euros de fondos propios e un prazo de execución material da obra duns 14 meses

 Nunha primeira fase contará con capacidade para 59 residentes, aínda que será susceptible de duplicarse, e xenerará unha vintena de postos de traballo. Tamén se prevé a creación dun centro de día do que se poderán beneficiar entre 16 e 26 usuarios.

Perfecto Rodríguez sinalou que este novo equipamento suporá outro impulso na mellora dos coidados sociosanitarios no municipio. O xerente do Consorcio lembrou que desde fai un ano está a pleno funcionamento a nova residencia.

O presidente da Deputación, Luis López, enumerou tamén os diferentes proxectos que a Deputación ten previsto executar este ano no Concello de Cerdedo-Cotobade e fixo referencia ao orzamento de 845.000 euros do +Provincia reservado para este municipio, que supón un incremento de 75.000 euros con respecto á achega do anterior Plan Concellos do 2023.

Ademais, o Concello recibirá tamén case 50.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para mellorar as instalacións do campo de fútbol das Estremas.

A maiores, Deputación e Concello firmaron un convenio ao abeiro do programa PON2030 para a humanización do núcleo dos Castros por máis de 250.000 euros e están en marcha obras de mellora de estradas provinciais como as que unen Serrapio e Portela ou Xesteira e Almofrei que supoñen un investimento de 400.000 e 665.000 euros, respectivamente.