Comezan as graduacións no campus de Pontevedra: 600 universitarios terminan os seus estudos

Pontevedra
03 de xuño 2024

Os novos titulados en Publicidade e Relacións Públicas e en Belas Artes abrirán esta semana un mes marcado por estes actos de despedida e recoñecemento, que xa tiveron como precedente o que a Escola de Enxeñaría Forestal brindaba hai uns días a unha decena de alumnos

Acto de graduación da Escola de Enfermería
Acto de graduación da Escola de Enfermería / Mónica Patxot

Preto de 600 estudantes festexarán ao longo deste mes de xuño o remate da súa etapa formativa no campus, nos actos de graduación que entre este venres 7 e o 28 de xuño promoven as diferentes facultades e escolas. 

Os novos titulados en Publicidade e Relacións Públicas e en Belas Artes abrirán esta semana un mes marcado por estes actos de despedida e recoñecemento, que xa tiveron como precedente o que a Escola de Enxeñaría Forestal brindaba hai uns días a unha decena de alumnos.

Este venres os protagosnistas serán a XV promoción de 80 graduados en Publicidade e Relacións Públicas que recibirán as súas bandas e diplomas no Teatro Principal, con Vicente Badenes e Beatriz Martínez como padriño e madriña.

Tamén no Pazo da Cultura, o sábado 8 celebrarán a súa graduación 97 novos titulados en Belas Artes, que terán como madriña á profesora Ana Seoane.

Unha semana máis tarde, o Teatro Principal será o escenario da despedida, o venres 14, a 35 integrantes da XV promoción do Grao en Comunicación Audiovisual, que terán como madriña e padriño académicos a Diana Ramahí e Oswaldo García. 

Tamén o venres 14, recibirán os seus diplomas 24 novos titulados da modalidade presencial de Dirección e Xestión Pública e once dos integrantes da primeira promoción da modalidade virtual deste grao, a única que existe no sistema universitario galego.

Neste acto conxunto, estes 35 graduados terán como padriño institucional ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, mentres que Ignacio Fernández será o padriño académico da modalidade presencial e Vitoria Canoura, do alumnado virtual.

A tarde do venres 14 foi así mesmo a escollida pola Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade de Vigo, para despedir ás 39 tituladas e cinco titulados que integran a décimo primeira promoción do grao, así como a tres egresadas no curso ponte. O acto, no que terán como madriña e padriño a Irene Garay e Julio Diz, terá lugar no Pazo Provincial.

O salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública será o escenario das últimas graduacións do curso 2023/2024 en Pontevedra.

Concretamente, o venres 21 acollerá a despedida aos 50 integrantes da XV promoción do Grao en Fisioterapia, que terá como madriñas académicas a Irimia Mollinedo e Alejandra Alonso, nun acto que se completará coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus.

Nese mesmo escenario terá lugar, o venres 28, a máis multitudinaria destas graduacións, que congregrará 240 egresados dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Tratarase, en concreto, de tres actos consecutivos, comezando coa entrega de diplomas a 90 titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que terán como madriña a Marián Fernández e como padriño a Fernando Zarzosa.

A continuación, despediranse 75 graduados en Educación Primaria, como Salvador González como padriño, pechando a xornada co recoñecemento a 75 titulados en Educación Infantil, con Rubén Domínguez e María Teresa Gutiérrez como madriña e padriño.