Comezan as celebracións do medio século de Combarro como conxunto histórico- artístico

Poio
05 de agosto 2022

A primeira cita será o sábado 6 de agosto, co espectáculo da compañía Galicia en Danza de Baiona. Será ás 20.30 horas, no espazo natural ao carón da ermida da Virxe da Renda. Poio tamén retoma esta fin de semana as ruadas musicais 'Mar de Sons', nas que cobran protagonismo agrupacións musicais de Poio

Casco histórico de Combarro
Casco histórico de Combarro / Mónica Patxot

A celebración do 50 aniversario do nomeamento de Combarro como conxunto histórico-artístico entra nos seus días grandes. Esta fin de semana haberá festexos durante o sábado 6 e o domingo 7 e de cara á vindeira semana agárdanse máis actos.  

A primeira cita será o sábado 6 de agosto, co espectáculo da compañía Galicia en Danza de Baiona. Será ás 20.30 horas, no espazo natural ao carón da ermida da Virxe da Renda, nunha actividade impulsada pola Deputación de Pontevedra dentro do ciclo 'Bailando a Terra', na que Poio foi un dos sete concellos da provincia elixidos para as representacións.

A concellaría de Cultura de Poio tamén retoma esta fin de semana as ruadas musicais 'Mar de Sons', nas que cobran protagonismo agrupacións musicais de Poio e que se celebrarán de xeito periódico ao longo de todo o verán, con percorridos polo casco histórico, en palabras de Raquel Rodríguez Alonso, concelleira de Poio. 

O domingo 7, na sesión vermú, a Charanga 112 será a encargada de amenizar coa súa música as rúas de Combarro. 

A concelleira de Deportes e Dinamización Lingüística de Poio, Marga Caldas, tamén lembra que a vindeira fin de semana as actividades traerán a etapa da Regata Rías Baixas, que chegará a Combarro o xoves 11 de agosto

Ao día seguinte, a praza da Rualeira acollerá o concerto da Ukesira do Medio, ás 21.30 horas, unha actividade inserida no programa 'FalaRedes' da Xunta de Galicia.

As actividades están impulsadas polo Concello de Poio, a través das concellarías de Cultura, Dinamización Lingüística e Deportes e buscan axudar a poñer en valor a tradición e a historia da localidade, ao tempo que se pon a disposición da cidadanía unha oferta de lecer variada.