Comezan a limpar as pintadas nos laterais do Teatro Principal

Pontevedra
10 de novembro 2021

A empresa Ferrovial iniciou este mércores 10 de novembro os traballos de eliminación dos graffitis realizados nos laterais do edificio municipal

Un operario de Ferrovial limpa un graffiti no lateral do Teatro Principal
Un operario de Ferrovial limpa un graffiti no lateral do Teatro Principal / Concello de Pontevedra

Operarios da empresa Ferrovial iniciaban este mércores 10 de novembro os labores para eliminar os graffitis realizados nos laterais da fachada do Teatro Principal de Pontevedra. 

Segundo a información facilitada polo goberno local, os traballos inclúense no contrato que o Concello mantén con esta empresa. Estas pintadas rexistrábanse durante o mes de outubro tanto neste edificio municipal como noutros protexidos polo seu valor patrimonial, que se atopan no centro histórico como o Museo de Pontevedra.

Precisamente, cando finalicen estes traballos de limpeza no Principal, os operarios procederán a realizar actuacións similares noutros puntos da cidade, tal e como se recolle no contrato coa empresa adxudicataria deste servizo..

O  Concello de Pontevedra informara, a finais de outubro, de que a Policía Local mantén unha investigación aberta para localizar ás persoas que realizasen estes  grafitis sobre bens do patrimonio público.