A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) poñerá en marcha dende este luns 20 ata o domingo 26 unha campaña especial de vixilancia das estradas convencionais, coordinada polos xefes provinciais e os xefes dos subsectores das catro provincias galegas.
Un dos obxectivos desta campaña é mellorar a seguridade vial e conseguir comportamentos máis seguros nestas estradas. En 2013, o 42% dos accidentes de tráfico con vítimas rexistráronse nas vías interurbanas e nelas producíronse o 73% das vítimas mortais.
Segundo a DGT, o fin da campaña é potenciar o efecto pedagóxico para o que, sempre que sexa posible, se instalarán paneis de sinalización variable como as pantallas alfanuméricas do vehículo da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nas inmediacións para advertir os condutores do control.
Os datos estatísticos da DGT reflicten que os factores que máis inciden nos accidentes se encontran no exceso de velocidade, o consumo de alcohol e drogas, o non uso do cinto de seguridade e as distraccións ao volante. Por este motivo, os axentes vixiarán, ademais da velocidade, os adiantamentos indebidos, a inxestión de alcohol ou drogas, o uso dos cascos en motos e os sistemas de retención nos vehículos. ademais da utilización do teléfono móbil, de auriculares ou de calquera elemento que poida producir distracción.
En 2013 controláronse 46.170 vehículos e 1.718 foron obxecto de denuncias, na súa maioría por exceso de velocidade.