A Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra (AECC) pon en marcha unha nova convocatoria do taller presencial de axuda en loito a partir da semana do 19 de abril.
Trátase dun obradoiro grupal co obxectivo de xestionar e soportar a pena que sofren os familiares e as amizades que perderon a un ser querido debido ao cancro.
Esta actividade é gratuíta, como o resto de servizos da AECC. Impartirase na sede que ten a asociación na rúa Augusto González Besada, 9, entresolo. A duración é de once semanas, cunha sesión de hora e media semanal. Está organizada para que sexa presencial.
Poden apuntarse todas as persoas que estean a pasar por un proceso con estas circunstancias e precisen de axuda. Para inscribirse deben chamar ao teléfono 986.865.220 ou escribir ao correo electrónico de [email protected]
O taller será impartido por unha psicóloga da asociación, que conta cunha ampla experiencia nestes temas. Os asistentes poderán compartir experiencias e expresar de maneira libre os seus sentimentos ante situacións de dor.