O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegura que as xestións coa congregación das clarisas para manter o resto do patrimonio histórico, artístico e cultural do Convento de Santa Clara na capital provincial están "moi avanzadas e van polo bo camiño".
Estas declaracións chegaban este martes 11, no mesmo día en que comezaron as obras para acometer o traslado do retablo da Virxe dos Desamparados do convento pontevedrés a Santiago de Compostela, unha retirada que conta co aval de Patrimonio da Xunta e que Domínguez lamentou profundamente ao entender que este traslado se debe á mala xestión do goberno local.
"Lores fixo un mal negocio, unha pésima xestión, cuxa consecuencia está a ser o traslado a Santiago do retablo de Santa Clara, que levaba séculos na nosa cidade", afirmou o vicepresidente.
Domínguez destacou a importancia histórica e sentimental desta obra para Pontevedra: "Non podemos esquecer que se trata dunha obra histórica, dun elemento que está na memoria de todos os pontevedreses, dun espazo ante o que tanta xente da nosa cidade rezou. É unha mágoa que este retablo, tan ligado a esta cidade e con tanta historia, teña que marchar a Santiago por unha mala xestión de Lores".
O retablo é unha peza datada no século XVIII cun valor de 74.000 euros. Anteriormente contiña un óleo da virxe, que xa fóra retirado por parte das monxas clarisas ao igual que imaxes relixiosas, tal e como acordaron no contrato de venda co Concello de Pontevedra.
O altar maior, os retablos laterais, o órgano, o púlpito e o cadeirado do coro que continúan en Santa Clara tamén pertencen á congregación e agora a Deputación está a negociar coa intención de que permanezan no antigo templo.
Domínguez subliñou que a institución está a traballar para "intentar manter o resto do patrimonio de Santa Clara en Pontevedra, para o goce de todos os pontevedreses".
O vicepresidente insistiu en que as negociacións coas clarisas están "moi avanzadas" e que se espera a sinatura dun acordo para facer realidade este obxectivo.



