Comeza o traslado do parque infantil do Paseo das Redeiras de Combarro

Poio
19 de abril 2022

A área de lecer pasará a emprazarse nunha zona máis próxima ao núcleo da parroquia. A actuación tamén inclúe a revisión e reparación dos aparellos, seguindo a liña de melloras que se está a realizar neste tipo de áreas

Comeza o traslado do parque infantil do Paseo das Redeiras de Combarro
Comeza o traslado do parque infantil do Paseo das Redeiras de Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio iniciou esta semana os traballos para levar a cabo o traslado do parque infantil situado no Paseo das Redeiras, en Combarro, a un espazo máis próximo ao núcleo da parroquia. 

A edil de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, supervisou as tarefas e lembrou que o Goberno local fará uso desta parcela para a dotación de máis de 20 prazas para estacionamento, que serán de xestión municipal. Neste sentido, a concelleira do Goberno local explicou que a Administración local está pendente da autorización de Portos de Galicia.

"O Pleno aprobou unha concesión para o cambio de titularidade desta zona e estamos á espera de que a Xunta aprobe a proposta", recordou Caldas Moreira.

Á espera de que chegue o permiso, os operarios procederon á retirada dos xogos e aparellos situados nesta área de lecer. Marga Caldas explica que se aproveitará a actuación para revisar e reparar todos os elementos que así o precisen.

O Concello investirá preto de 50.000 euros na posta a punto do parque infantil no seu novo emprazamento, así como no acondicionamento do terreo para as futuras prazas de estacionamento.