Comeza o servizo de repartimento de comida a domicilio en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
11 de novembro 2020

Será de luns a domingo entre as 13.00 e as 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas. Un operario municipal encargarase de distribuír gratuitamente entre semana a partir deste mércores 11 de novembro. As fins de semana reforzarase o servizo

Comida
Comida / Daniel Lobo

Este mércores comeza a funcionar o servizo municipal de repartimento de comida a domicilio, con carácter gratuíto para os oito locais de hostalería do Concello que poñerán en marcha a elaboración de comida para recoller ou entregar a domicilio.

Con esta medida, o goberno local quere apoiar a un sector do que viven preto de 60 familias do municipio. Durante estes días, representantes do Concello entregaron recipientes en todos os establecementos para que se deposite neles a comida. 

Ao longo deste mes, un operario municipal encargarase de recoller os pedidos e entregaraos en cada domicilio. O horario de luns a domingo sitúase entre as 13.00 e as 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas. 

Ante a posibilidade dun incremento de pedidos durante as fins de semana, está previsto que se reforce o servizo durante sábados e domingos. Ademais funcionará tanto para Ponte Caldelas como para os municipios próximos como A Lama, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pontevedra e Cerdedo-Cotobade. 

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, indica que este é o segundo peche do ano para a hostalería e é necesario apoiar a estes negocios, sinalou o rexedor pedindo solidariedade tamén á cidadanía para que faga peticións de comida chamando aos establecementos.