Este xoves, o campus pontevedrés acollía o acto inaugural do programa de apoio ao emprendemento sénior TaleS, unha iniciva que se desenvolve en cinco universidades públicas de España e que é acollida por primeira vez na Universidade de Vigo.
A Facultade de Comunicación de Pontevedra é o espazo escollido para o desenvolvemento deste programa formativo. Oito persoas maiores de 50 anos, que foron seleccionadas previamente, recibiron formación nesta xornada e acompañamento para o desenvolvemento das súas ideas de negocio.
Cada un dos participantes nas distintas sedes optará a unha viaxe para presentar a súa proposta de negocio no encontro final do programa, no que se outorga un premio económico de mil euros ao mellor proxecto.
O acto de inauguración contou coa intervención da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que destacou que as persoas de entre 55 e 75 anos representan un terzo da poboación actual de España cunha inversión da pirámide poboacional converténdose nun "reto" para as universidades tanto en captación de alumnado como no fomento da aprendizaxe ao longo da vida.
Pola súa banda, Lantarón destacou que estas iniciativas contribúen a evitar a discriminación por razóns de idade, obxectivo básico da Cátedra de Idadismo, que estaba representada por Ana Belén Fernández Souto durante o acto, e por representantes dos colectivos Afaga Alzhéimer e Atendo.