Comeza a vacinación contra a gripe, o covid e o virus sincitial

Pontevedra
23 de setembro 2024
Actualizado: 16:51

Nesta ocasión é unha dobre vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade, así como a aplicación dunha inxección a bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar a bronquiolitis

Vacinación dunha usuaria da Residencia de Maiores de Campolongo
Vacinación dunha usuaria da Residencia de Maiores de Campolongo / Xunta de Galicia

Este luns 23 de setembro o Servizo Galego de Saúde (Sergas) inicia a campaña de vacinación para protexer aos colectivos máis vulnerables contra a gripe e a covid-19.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a campaña comezou na residencia de maiores de Vilaboa, marcando o inicio da primeira fase dirixida a usuarios de centros sociosanitarios - residencias xeriátricas e centros para persoas adultas con discapacidade.

Como novidade este ano 2024, a vacinación tamén inclúe o persoal desas institucións.

Nesta primeira xornada de vacinación na comarca, inoculáronse arredor de 200 doses da gripe e da covid.

Ata o venres 4 de outubro, data na que remata esta fase, a área sanitaria prevé administrar unhas 1.700 doses de forma progresiva, seguindo un cronograma con visitas programadas aos 24 centros sociosanitarios espallados polos distintos concellos de ambos distritos sanitarios, Pontevedra e O Salnés.

A inmunización en Pontevedra-Salnés está a cargo das/os profesionais que integran os Equipos de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD) asignados a cada zona e enfermeiras/os voluntarias/os inscritos para a ocasión.

Nesta campaña están coordinados polo enfermeiro Diego Canedo, especialista en Enfermaría Familiar, e baixo a supervisión da subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, Silvia Amoedo.

Nesta ocasión é unha dobre vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade, así como a aplicación dunha inxección a bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar a bronquiolitis.

Paralelamente a esta campaña, desenvolverase a da gripe, que tamén é estacional e cuxa poboación diana son os nenos de 6 a 59 meses, os estudantes de centros sanitarios e sociosanitarios, o persoal dos centros de educación infantil e o persoal con exposición laboral directa a animais ou aos seus secreciones.

Ademais, a vacinación da gripe tamén inclúe aos fumadores, ás persoas con enfermidade celiaca e ás persoas con fístula de líquido cefalorraquídeo e implante coclear ou á espera deste, xa que teñen maior risco de complicacións desta enfermidade.

NOVIDADES DA CAMPAÑA

  • Incorporación dunha vacina intranasal contra a gripe para os nenos de entre 2 e 5 anos.
  • Vacinación contra a gripe ao persoal dos centros de educación infantil nos que haxa nenos de ata cinco anos.
  • Vacinación aos coidadores daquelas persoas inmobilizadas nas súas casas e que non poden desprazarse ata os seus centros sanitarios.

 

PUNTOS DE VACINACIÓN

A vacinación contra a covid e a gripe desenvolverase en varios puntos ata o 31 de decembro: residencias de maiores, centros de discapacidade, hospitais públicos, grandes recintos e nos centros de atención primaria.

  • Con todo, a vacinación exclusiva contra a gripe desenvolverase nos puntos de vacinación habituais (centros de saúde) e comezará a partir do 7 de outubro cos nenos de 6 a 59 meses, con patoloxías de risco e con aquelas persoas inmobilizadas e os seus coidadores.
  • A partir do 14 de outubro será a quenda das persoas de máis de 80 anos, co persoal sanitario, de farmacia e de emerxencias, así como coas persoas institucionalizadas e en situación de inmunosupresión.
  • As persoas de 70 a 79 anos poderanse vacinar a partir do 28 de outubro e as de 60, menores de 60, con patoloxías de risco, embarazadas, o persoal de servizos esenciais e con exposición laboral farano a partir do 11 de novembro.
  • Finalmente, os conviventes con persoas de risco e o resto da poboación diana poderán acceder á vacina da gripe a partir do 18 de novembro.

 

VIRUS VRS EN BEBÉS

A vacinación contra o VRS tamén arrinca este luns e estenderase ata o 31 de marzo de 2025.

Respecto ao virus respiratorio sincitial, na campaña anterior alcanzouse unha porcentaxe de inmunización global superior ao 95% e logrouse reducir nun 90% os ingresos por VRS.

Os nados durante a campaña de inmunización, os menores de seis meses e determinados grupos risco son os bebés que deben inmunizarse contra a enfermidade.

Deste xeito, os nados durante a campaña recibirán a inmunización no hospital tras o nacemento, os bebés nados desde o 1 de abril serán citados a partir do 30 de setembro e os prematuros e lactantes con alto risco de enfermidade grave por VRS serán citados ao comezo da campaña.