Sen incidencias notables están a transcorrer as primeiras horas de administración da vacina anti-covid que este mércores 13 de xaneiro comezaba a subministrarse ao persoal sanitario da área de Pontevedra e O Salnés.
Este operativo iniciábase ás 08.30 horas en Montecelo onde Anxo Abal Domínguez, profesional de enfermería da Unidade de Coidados Críticos deste centro hospitalario, recibía a primeira vacina desta convocatoria.
Juan Alberto Vázquez Vilar, director de enfermería e coordinador de vacinación covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, sinalaba que esta campaña destinada a inmunizar aos profesionais sanitarios máis expostos ao virus comezou cos "problemas lóxicos da primeira xornada" pero sen incidencias graves nas primeiras horas. Explicou que se atopan citados profesionais nos Hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra, do Hospital do Salnés e tamén dos centros de saúde de Caldas de Reis e os pontevedreses da Peregrina, A Parda e Lérez.
A previsión que realiza o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para administrar as vacinas é que, entre este mércores e o sábado 16 de xaneiro, se apliquen as doses a 2.200 profesionais da área dun cadro de persoal de ao redor de 3.600 traballadores. Vázquez Vilar espera que, se non xorden complicacións, poidan finalizar esta campaña o venres 15.
A organización para distribuír as vacinas atópase regulada polos servizos centrais da Consellería de Sanidade pero, segundo o coordinador na área, están a se repartir dentro dos horarios establecidos, con diferenzas de cinco ou dez minutos en determinados casos. Vázquez Vilar afirma que a repartición das doses está a levarse "perfectamente ben desde que se iniciou en residencias socio sanitarias".
A citación dos profesionais executouse a través de mensaxes sms. José Antonio Vázquez recoñeceu algúns problemas iniciais na distribución destes mensaxes pero, finalmente, chegaron a todo o persoal que estaba citado para esta xornada.
A Consellería de Sanidade ten previsto vacinar antes do luns 18 a 20.000 profesionais dos centros sanitarios e hospitalarios de Galicia.
VACINA PARA OS PROFESIONAIS DO HOSPITAL QUIRÓNSALUD
Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular na corporación de Pontevedra e médico de Urxencias do Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra, confirmaba que esta mañá tamén se vacinou a médicos de Urxencias deste centro privado no Hospital Provincial.
No seu caso sinalou que recibira unha citación a través de SMS e que esta mañá administróuselle de maneira rápida e eficaz. Non presentaba ningún efecto secundario malia que o advertiran de que pode ocasionar dor de cabeza ou local igual que a vacina da gripe.
Domínguez sinalou que se trata dun paso moi importante para o persoal médico porque son os que están directamente relacionados coa enfermidade do coronavirus e que, na súa experiencia profesional, se atopa con casos positivos en cada garda. Ademais afirmou que, ante estas situacións, os mesmos profesionais sanitarios poden tamén converterse en transmisores.
Indicou que é consciente das dificultades loxísticas que supón a distribución da vacina e recoñeceu que, tras as festas do Nadal, está a detectarse unha "repunta importantísima" de casos tanto no Hospital QuirónSalud como polo que lle comentaron outros profesionais médicos en hospitais públicos.