Comeza a transformación integral da PO-546 en Estribela para que sexa máis segura para os peóns

Pontevedra
07 de febreiro 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores supervisaron este martes o inicio das obras "importantes, esperadas e necesarias" da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, Pontevedra-Marín, na zona de Estribela

Inicio das obras na estrada vella de Marín
Inicio das obras na estrada vella de Marín / PontevedraViva

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores supervisaron este martes o inicio das obras "importantes, agardadas e necesarias" da primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, Pontevedra-Marín, na zona de Estribela.

Os traballos foron adxudicados por máis de 826.000 euros á empresa Oresa Construción e Servizos Globais, S.L., para cuxa execución ten un prazo de 12 meses.

A conselleira explicou que o obxectivo das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e "que os peóns gañen máis protagonismo fronte ao vehículo", mellorando a súa seguridade.

Para iso, acometerase unha transformación integral da estrada nesta contorna, coa reurbanización dun tramo de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e asegúrese a accesibilidade. "Estamos ante unha obra complexa", destacou Vázquez Mourelle.

Ademais, para conseguir reducir o tráfico e reforzar a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización. Lores celebrou que "son os tres primeiros pasos sobreelevados que se fan por parte da Consellería no concello de Pontevedra".

Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novas marquesiñas e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido dunha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención contará con fondos do programa Next Generation da Unión Europea de mobilidade sostible.

O alcalde expresou a súa "satisfacción" polo inicio desta obra "demandada polos veciños, tamén polo Concello e mesmo en sede parlamentaria".

Ethel Vázquez lembrou que esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que a Xunta busca promover unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.

En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e os Praceres e seguirá co novo tramo entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora de cálea Concepción Arenal, tamén en Marín.