O Concello de Pontevedra iniciou a pasada noite a substitución do pavimento que une o tramo peonil de Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac. As obras executaranse en dúas noites dado que o secado prolongarase entre catro e oito horas, en función do tempo.
Os traballos consistirán no levantamento do pavimento actual e na colocación doutro de pintura de base con dobre componente cunha textura moito máis grosa que o actual e en cor distinta.
Ademais, aproveitaranse estes traballos para reforzar a sinalización vertical da zona e evitar a confusión actual. O goberno municipal entende que debe quedar clara a preferencia peonil de todo este ámbito.
A obra non terá custes engadidos para o Concello, xa que se fai cargo da súa reposición a empresa adxudicataria.