A Deputación de Pontevedra vén de publicar a segunda convocatoria dos premios "Reacción polo clima" que, dotados con 4.000 euros, premiarán ás mellores pezas audiovisuais elaboradas pola mocidade da provincia de entre 16 e 30 anos. Ademais, a institución aumenta este ano a contía dos premios para recoñecer o talento e a implicación da xente máis nova na loita contra o cambio climático.
As bases publicáronse o luns 15 de marzo no BOPPO, boletín oficial da provincia de Pontevedra, e dende este martes 16 xa se poderán presentar os proxectos audiovisuais. Os participantes contarán cun prazo de dous meses, ata o 16 de maio.
Os premios "Reacción polo clima" estarán destinados ás tres mellores manifestacións artísticas que reivindiquen a loita contra o cambio climático. Deste xeito haberá un primeiro galardón cunha cuantía de 2.400 euros, un segundo de 1.000 euros e un último, de 600 euros.
Ademais, este ano a Deputación decidiu incrementar en 2.000 euros as contías globais dos premios, tratando non só de agasallar o talento da mocidade, senón tamén co fin de empoderar á xente máis nova para que sexan partícipes na posta en marcha de políticas públicas no marco da Axenda 2030.
Os traballos, en formato audiovisual, han de ter unha duración máxima de 2 minutos e medio. A mocidade, así como as organizacións dirixidas pola mesma e que estean interesadas en participar, teñen dous meses de prazo para presentar as súa solicitudes e poder, así, optar a algún dos tres premios.
O pasado ano, durante a primeira edición, gañaron o primeiro premio Iago Rodríguez Torres e Manuel Albariñas, ambos de Marín, pola peza "Inconsciente". O segundo premio recalou en Carmen Villanueva, de Silleda, por "Non pases de largo" e o terceiro foi para a viguesa Isabel González, por "Pequenos xestos, grandes cambios".