Comeza a primeira fase das obras de arranxo dos parques infantís municipais de Soutomaior

Soutomaior
09 de setembro 2024

O alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo sinalou que o goberno local conseguiu unha subvención de 45.000 euros da Deputación para levar a cabo estas actuacións

Arranxos nun parque de xogos
Arranxos nun parque de xogos / Concello de Soutomaior

O goberno local de Soutomaior iniciou esta semana os traballos da primeira fase de recuperación dos parques infantís municipais. Este proxecto levarase a cabo grazas a unha subvención de 45.000 euros procedente do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. 

Nesta primeira fase actuarase nos parques infantís municipais do Peirao, da Feira, da Devesa, da Veiguiña Longa, de Aranza, de Moreira e da Lamela.

O Concello fixo unha auditoría destas zonas de xogo co obxectivo de coñecer de maneira exacta os danos que sofre cada parque e deseñar as actuacións máis axeitadas.

Os traballos comezaron este luns no parque do Peirao coa retirada dalgunhas pezas e xogos para a súa restauración. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que que "os dezaoito parques infantís cos que contamos no noso concello levan anos nun estado de deterioro inadmisible, polo que urxía ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios". 

"Trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar", engadiu Lourenzo.

Ademais, o Concello quere garantir a inclusividade nestes espazos recreativos, adaptándoos para que calquera neno, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma neles.