Comeza a posta a punto de Pasarón de cara ao partido entre España e Italia

Pontevedra
24 de novembro 2023

Tal e como anunciou a Real Federación Galega de Fútbol, este xoves comezaron os traballos de limpeza exterior do estadio, "uns traballos moi necesarios co ánimo dar a mellor imaxe posible"  

Obras no Estadio Municipal de Pasarón
Obras no Estadio Municipal de Pasarón / PontevedraViva

Comeza a posta a punto do Estadio Municipal de Pasarón de cara ao partido da Selección Española ante Italia do vindeiro 1 de decembro. 

Tal e como anunciou a Real Federación Galega de Fútbol, este xoves comezaron os traballos de limpeza exterior do estadio, "uns traballos moi necesarios co ánimo dar a mellor imaxe posible".

A empresa contratada está a limpiar a fachada externa da instalación, así como os accesos, usando unha grúa de grandes dimensións para que presente as súas mellores galas para un evento histórico na cidade.

Por outra banda, o partido vai ser retransmitido en directo pola primeira canle de TVE en prime time (21:30 horas) e iso supón unhas condicións de iluminación que, segundo o informe dos técnicos de televisión que visitaron a instalación, nin de lonxe as cumpre, revelando "unha clara deficiencia lumínica con menos de 200 luxes de potencia, moi lonxe dos 1.000 esixidos, como mínimo, para unha correcta retransmisión do encontro".

Neste sentido, a Futgal xa contactou cunha empresa para dar unha solución a esta situación co fin de cambiar os focos que non funcionan e dese xeito alcanzar a luminosidade esixida. A empresa está a traballar a contrarreloxo para chegar a tempo, recurrindo a Alemaña para facerse co material necesario.

Ademais, van a intensificar o traballo de mantemento do novo céspede recurrindo á empresa encargada da súa colocación e implementaranse tamén outras medidas menores, da man do Pontevedra CF, para cumprir con todas as esixencias que conleva un partido desta dimensión.

Convén lembrar que ao tratarse dunha competición oficial, está previsto que tanto a selección española como a italiana adestren polo menos unha xornada no Estadio Municipal de Pasarón, ao que se sumará o propio choque do día 1 de decembro. A iso engádese dous días despois o derbi de Segunda RFEF entre Pontevedra e Compostela do domingo 3 de decembro (17.00 horas).