A campaña anual de limpeza e corta da broza nos núcleos rurais de Ponte Caldelas comezou en Regodobargo, no que esta fin de semana se celebrará o seu popular Serán.
O atractivo do mesmo será que, por primeira vez se utilizará a nova Casa do Pobo construida polo Concello en Regodobargo e levada a cabo a partir da estrutura do antigo palco da música.
Os operarios municipais xa traballan nos dous accesos principais ao pobo dende a estrada autonómica, tanto na Insua como no límite con Soutomaior.
Unha vez acondicionado este vial farase un repaso por todos os camiños do pobo coa súa respectiva corta de broza, soprado e recollida.
Esta limpeza integral é unha medida posta en marcha polo equipo de Goberno de Ponte Caldelas que se fai coincidir cos eventos e festas populares.
Este labor comezará coa primavera e prolongarase arredor de tres meses, mellorando o viario e os espazos públicos.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que se trata dunha mellora na limpeza de todo o municipio e unha clara aposta polo rural.