Comeza a nova etapa do vello refuxio de pescadores de Carballedo como albergue de peregrinos

Cerdedo-Cotobade
05 de outubro 2023

Terá un total de 8 prazas e permitirá atender aos visitantes que se acheguen polo concello facendo a súa peregrinaxe. O contratista local Pablo Moreira foi o adxudicatario dos traballos que saíron a licitación en 69.677,20 euros

Jorge Cubela visita o futuro albergue da Vía Mariana
Jorge Cubela visita o futuro albergue da Vía Mariana / Concello de Cerdedo-Cotobade

Botan a andar as obras que transformarán o vello refuxio de pescadores de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, nun albergue para peregrinos que estean percorrendo a Vía Mariana ou o Camiño de Taverneiro.

Segundo a información facilitada polo Concello de Cerdedo-Cotobade, as obras adxudicáronse ao contratista local Pablo Moreira, como resultado dun concurso público cun prezo base de licitación de 69.677,20 euros.

O obxecto desta actuación céntrase na creación dun albergue para 8 peregrinos neste local municipal da área recreativa situada xunto á praia fluvial da Chan de Carballedo para favorecer a revitalización desta ruta do interior da provincia de Pontevedra e axudar a seguir dinamizando economicamente o municipio a través do turismo.

O Concello detectou nos últimos tempos un enorme interese entre os visitantes a Vía Mariana e o Camiño de Taverneiro que descorren polas parroquias de Aguasantas, Valongo, Loureiro, Carballedo, Santa María de Sacos e San Xurxo de Sacos, o que xustifica a necesidade de dotar dunha infraestrutura destas características para axudar a potenciar esta ruta.

O alcalde, Jorge Cubela, considera que estas obras constitúen unha aposta palpable do Concello polo turismo rural e por estas dúas vías de peregrinación alternativa a Santiago de Compostela que cada vez gañan máis adeptos e que serán promovidas proximamente a través dun acordo entre os concellos da provincia afectados, co apoio da Deputación de Pontevedra.

Así, sinala a súa intención de converter Cerdedo-Cotobade "no municipio da contorna máis dinámico desde o punto de vista da promoción turística". E destaca que ten no patrimonio histórico, natural e paisaxístico as súas principais bazas e elementos para competir e atraer visitantes para desenvolver o turismo, axudar os negocios locais e ser punta de lanza na comarca no turismo verde, familiar e sostible.