Comeza a investigación para determinar o valor patrimonial e natural da illa de Tambo

Poio
22 de xullo 2014

Trátase dun proxecto encargado polo Concello de Poio e o Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra (GAC-6) co se pretende poñer en valor a illa situada na ría de Pontevedra trala súa desmilitarización e de cara a un futuro uso civil

Investigadores da Universidade de Vigo na Escola Naval, antes de embarcar cara Tambo
Investigadores da Universidade de Vigo na Escola Naval, antes de embarcar cara Tambo /

Investigadores da Universidade de Vigo comezaron esta semana co estudo que pretende determinar cales son os valores naturais e patrimoniais que agocha a illa de Tambo. Trátase dun proxecto encargado polo Concello de Poio e o Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra (GAC-6) co se pretende poñer en valor a illa situada na ría de Pontevedra trala súa desmilitarización e de cara a un futuro uso civil.

Empregando como base loxística de apoio a Escola Naval Militar de Marín, os investigadores da Universidade de Vigo, dirixidos por Gonzalo Méndez, profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, desenvolveron este martes a segunda das xornadas de traballo de campo, tanto en terra como no mar, que continuarán a vindeira semana con outras dúas sesións de estudo sobre o terreo.

"ÿ un traballo de inventario que nunca antes se fixera na illa", explica Méndez, "que abrangue a xeoloxía, flora e fauna, tanto en terra coma nas augas da contorna, sen descoidar tamén aspectos históricos e culturais, como os restos do lazareto do século XIX ou a capela, que aínda que derrubada na súa maior parte conserva as paredes en pé". 

As conclusións deste estudo coñeceranse o vindeiro mes de outubro. Ata entón, o traballo, que require da confirmación sobre o terreo da documentación existente sobre a illa en relación cos seus valores naturais e patrimoniais, evolucionará en función dos achados que se vaian producindo.

Para a realización destes traballos de campo, os investigadores contan coa colaboración da Escola Naval Militar de Marín, que actúa como base loxística de apoio. Son os encargados de auxiliar ao equipo na preparación das saídas ao mar, ao tempo que ofrecen a súa colaboración e apoio precisos para que se leven a cabo os distintos traballos de campo que se teñan que realizar.

Esta cooperación vén a sumarse a outros acordos no ámbito académico que existen entre a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar.

Arquivado en