Tres operarios da empresa Creaciones Lumínicas - Electromiño movíanse este mércores 7 de decembro polo centro de Pontevedra co vehículo guindastre instalando a iluminación para estas festas de Nadal. Xa levan un día realizando este operativo coa incorporación destes adornos por rúas como Michelena e Fernández Villaverde.
Segundo indicaron os operarios desta empresa de Tui, adxudicataria do contrato, a preguntas de PontevedraViva, todas as luces que se están instalando estes días son led e sinalan que aínda non saben canto tempo levará este traballo xa que o proceso é lento debido ás dificultades de realizar a instalación coa presenza de numerosos viandantes polas rúas peonís, ademais de vehículos de repartición e de servizos que complican.
A pesar de que a instalación se iniciou esta semana, a iluminación festiva xeneral da cidade non se acenderá ata o venres 16 de decembro, unha decisión polémica que o BNG do goberno local e, en concreto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xustifican como un "xesto simbólico" e por "racionalidade na iluminación de Nadal", como explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Fronte a esta decisión, o grupo socialista, socio no goberno local, si decidiu iluminar desde o luns 5 de decembro o Mercado de Abastos coa decoración destas festas coa intención de animar á compra neste espazo, dependente da concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco.
Pola súa banda oPartido Popular criticou este atraso esixindo unha rectificación por parte da alcaldía, do mesmo xeito que entidades empresariais como AEMPE ou AJE, que trasladan as queixas dos seus asociados. Demandan un adianto do aceso para poder competir con outras localidades, principalmente Vigo, ás que acode clientélaa grazas ao atractivo lumínico das súas rúas e a ambientación festiva.
Ante esta situación xurdiu tamén o movemento #IluminaPontevedra, que busca a colaboración cidadá para que "entre todos e sen axuda de estamentos públicos de ningunha cor", poida "brillar tamén en Nadal".