A obra do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, vén de iniciar nova fase de alta esixencia técnica na súa construción, na que o edificio cambia por completo a súa xeometría e o sistema estrutural.
Esta nova etapa na execución supón un novo fito neste proxecto estratéxico da Xunta, co inicio da construción da torre de hospitalización, que mudará por completo a fisionomía do edificio.
Deste xeito, a execución das obras entran na fase na que o novo edificio cambia de xeometría e pasa da forma rectangular que adoptan os andares inferiores (soto, planta baixa, primeira, segunda, terceira e cuarta), á forma de 'Z', que lucirá a torre de hospitalización nos cinco andares superiores, do quinto ao noveno.
A actuación entra así nunha fase transcendente, xa que o cambio de xeometría esixe unha transformación radical no sistema estrutural do edificio.
As obras do Gran Montecelo cumpriron en maio un ano de execución e están a desenvolverse nos prazos previstos, tras o desvío do gasoduto e a entrada en servizo das súas redes dun quilómetro de lonxitude, e o remate dos traballos da estrutura de basamento.
Isto permite iniciar nas vindeiras semanas a construción da torre de hospitalización, despois de terse finalizada a cimentación de dúas das tres ramas da 'Z', na que só resta a da zona máis próxima ao hospital actual. O proxecto chega así ao seu punto de inflexión, o do cambio disruptivo de deseño entre as plantas inferiores e as superiores.
Será o primeiro hospital de Galicia con este peculiar deseño arquitectónico, nun sector asistencial no que predominan as formas rectangulares cunha torre en vertical ou varias unidas por pasarelas.
A este respecto cabe destacar que o deseño arquitectónico cobra tamén protagonismo no proxecto de construción do Hospital Público Gran Montecelo, xunto coa funcionalidade e a eficiencia tan características das construcións hospitalarias de nova xeración. Nesta actuación, a imaxe e a proxección exterior teñen peso e definen un estilo de edificación que se desmarca e que rompe cos estereotipos existentes dentro do ámbito sanitario.
A TÉCNICA DE GRANDES PONTES E DE AEROPORTOS
O sistema polo que se optou nesta obra recibe o nome de "lousa de transición postesada". Esta solución técnica emprégase habitualmente en pontes de grandes vanos e, en edificación, en espazos de moitas e amplas luces, como aeroportos, centros culturais, recepción de hoteis ou edificios nos que prima a arquitectura moi visual.
A principal vantaxe do postesado é que resolve situacións de distancia entre piares ou de cargas que non están na mesma vertical, como é o caso da obra do Hospital Público Gran Montecelo. Na planta quinta prodúcese un cambio na disposición da retícula dos piares, que deben adaptarse á nova forma en 'Z' do edificio, partindo da disposición rectangular dos andares inferiores, e tamén á distribución das habitacións na torre de hospitalización, a partir dun corredor central funcional.
Deste xeito, no quinto andar, o sistema estrutural do edificio cambia por completo. Coincide co que tecnicamente se denomina "nivel de transferencia", xa que é o punto no que a carga dos piares das plantas superiores se transfire aos dos andares inferiores, que non están na mesma vertical.
A desviación desas elevadas cargas faise cunha lousa especial, de maior dimensión do habitual. No caso concreto do Gran Montecelo terá máis do dobre de canto habitual en edificación. Este forxado pasa a actuar en realidade como unha segunda cimentación do edificio. De xeito adicional, uns grandes voadizos recibirán a carga dos andares superiores, xerando unha configuración arquitectónica na que a torre de hospitalización sobrevoa con respecto aos niveis inferiores.
A diferenza do armado convencional, a técnica do postesado consegue darlle precompresión ao formigón, para que resista os esforzos e cargas. Ademais, permite unha maior velocidade de execución e mellora a seguridade, coa vantaxe engadida de máis control das deformacións e fisuracións do formigón. Tamén reduce o peso do edificio, ao empregar menores espesores de forxados.
O sistema de postesado baséase na introdución duns cables de aceiro que, estirados coa suficiente forza, contrarrestan parte dos esforzos xerados polas cargas do edificio. É dicir, consiste en introducir cables que se "tesan" ou tensan antes da retirada dos encofrados. Trátase dun método tecnoloxicamente moi avanzado para que os materiais traballen a súa máxima capacidade.