Comeza a administrarse a cuarta dose contra a covid-19 na residencia de maiores de Campolongo

Pontevedra
26 de setembro 2022

A xornada transcorría con normalidade e os 93 usuarios deste centro vacinábanse dentro da campaña iniciada este luns 26 en 45 residencias de Galicia. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou que dentro de dúas semanas volverán a activarse os vacinódromos onde irán citándose ás persoas maiores de 80 anos e posteriormente a outra poboación maiores de 60 anos, persoal sanitario e enfermos crónicos en situación especial

Usuario da Residencia de Maiores de Campolongo recibe a cuarta dose da vacina anticovid
Usuario da Residencia de Maiores de Campolongo recibe a cuarta dose da vacina anticovid / Mónica Patxot

A residencia de maiores de Campolongo convertíase este luns 26 nun dos 45 centros de terceira idade en Galicia en que se administraba a cuarta dose da vacina no arranque dunha nova campaña contra a expansión da covid-19.

Neste centro pontevedrés, os 93 usuarios recibirán durante esta xornada as súas doses de vacina contra o coronavirus e tamén a vacina contra a gripe, tal e como aconsella o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que recoñecía en Santiago de Compostela o esforzo realizado polo Sergas para adiantar dúas semanas a administración da vacina antigripal co obxectivo de que se inxecten as dúas de maneira simultánea para acelerar os procedementos.

Juanjo López, director da residencia de maiores de Campolongo, afirmaba en declaracións a Radio Pontevedra que se vacina o 100% dos usuarios do centro, que sufriu durante o mes de xuño unha importante repunta de coronavirus afectando ao 95% dos residentes e tamén do persoal sen que se rexistrasen problemas de gravidade nin ingresos hospitalarios grazas a que as persoas que se atopan neste centro recibiran as anteriores doses.

Ao longo dos próximos días aplicarase a vacina noutros centros de maiores da área sanitaria. A intención do Sergas é que 22.000 galegos reciban esta cuarta dose da vacina, que inclúe as variantes BA4 e BA5 dela ómicron, que son as máis habituais en Galicia na actualidade. 

García Comesaña sinalaba que se espera que dentro de dúas semanas se reabran os vacinódromos nos grandes recintos co obxectivo de citar á poboación maior de 80 anos.

A continuación irase convocando progresivamente aos maiores de 60 anos, persoal sanitario e tamén pacientes crónicos con situacións especiais. Aquelas persoas que non poidan acudir por problemas de mobilidade aos recintos establecidos para a inxección pasarán a formar parte dunha repesca para que profesionais sanitarios acudan ás súas vivendas ou centros de saúde para achegar a cuarta dose da vacina.

Neste luns 26, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 160 pacientes con infección activa, dos que 14 se atopan hospitalizados, sen que ningún permaneza na unidade de críticos. Desde o inicio da pandemia rexistráronse 342 falecementos como consecuencia desta enfermidade nos distritos de Pontevedra e O Salnés, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. En Galicia, o número de persoas falecidas con covid ascende a 3.906.