Os comercios, casas, rúas e prazas que mellor iluminen o Nadal de Sanxenxo terán 4.000 euros en premios

Sanxenxo
08 de novembro 2024

O Concello de Sanxenxo convoca o II Concurso de Iluminación 'Deslumbra co teu Nadal'. Este ano haberá unha nova categoría para rúas, prazas ou zonas da veciñanza cun único premio de 750 euros

Inauguración da iluminación de Nadal 2022 de Sanxenxo
Inauguración da iluminación de Nadal 2022 de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo convoca o II Concurso de Iluminación 'Deslumbra co teu Nadal', que este ano repartirá 4.000 euros en premios entre comercios, vivendas, rúas e prazas.

Tras o éxito do ano pasado, este ano chega cunha novidade importante, unha nova categoría para rúas, prazas ou zonas da veciñanza cun único premio de 750 euros. Poderán optar agrupacións de veciños ou asociacións.

Mantéñense os tres premios para establecementos comerciais de 1.000, 750 e 500 euros, así como para a decoración exterior de vivendas con 500, 300 e 200.

A edil de Cultura, Elena Torres, explica que o obxectivo é "implicar os nosos veciños e veciñas no Nadal e incentivar a súa participación con premios". Coa nova categoría deste ano, confían en axudar a "crear ambiente de Nadal".

O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 25 de novembro e o 9 de decembro a través da sede electrónica de O.A.Terra Sanxenxo ou presencialmente no rexistro do Concello.

A decoración debe estar exposta desde o 6 de decembro ao 6 de xaneiro e a decisión darase a coñecer o 6 de xaneiro durante o Concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo no auditorio Emilia Pardo Bazán.

O xurado valorará a iluminación con até 10 puntos; a orixinalidade e o deseño con até 5 puntos; e o fomento de valores locais, contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente con utilización de materiais ecolóxicos, con até 3 puntos.

Antes do 20 de decembro, os participantes comprométense a enviar fotos e vídeos ao correo culturaterra@sanxenxo.org para poder ser valorados polo xurado e promocionados nas redes sociais do Concello.