Comerciantes das galerías Oliva, "abatidos" e "preocupados" polo rexeitamento xudicial a reabrir o paso

Pontevedra
10 de decembro 2024
Actualizado: 11:56

"A ver cantos aguantamos", pregúntase a asociación de comerciantes, que alerta do descenso de facturación co peche e ve "unha pena que se perdan 50 ou 60 postos de traballo de autónomos"

Tramo pechado das galerías Oliva, nunha imaxe do 2 de maio
Tramo pechado das galerías Oliva, nunha imaxe do 2 de maio / Mónica Patxot

A sentenza que rexeita reabrir a saída das galerías Oliva cara a Gutiérrez Mellado caeu como un xerro de auga fría entre os comerciantes desta zona comercial da cidade.

Están "abatidos" e "preocupados", recoñece Antonio Santiago, presidente da asociación de comerciantes Galerías Oliva, un sentir que considera maioritario entre quen ten alugado un local comercial na zona.

A sentenza, dada a coñecer este luns, desestima a demanda presentada por Astrid Filgueira, propietaria de 14 baixos de números impares de Oliva 2, que pedía a restitución do pleno uso deste acceso ás galerías, que se pechou por mor das obras de demolición do edificio que afectaba o tramo final cara a Gutiérrez Mellado.

Unha vez que a coñeceron, sentiron "bastante abraiados", pois daban por feito que o paso cara a Gutiérrez Mellado estaba "consolidado" tras décadas de uso, e sorprendeulles a contundencia coa que se rexeita a demanda.

"Nunca pensei que fose ser tan contundente", recoñece Santiago, que sinala que está "triste" e "apenado" e que "onte afundínme na miseria" tras coñecer o fallo.

Ademais, alertan das consecuencias desta decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra, que implica que estas galerías tan só teñen saída cara á rúa Oliva, non cara a Gutiérrez Mellado, de modo que deixan de ser zona de paso e, por tanto, reciben menos clientela.

Agora, as persoas que queren comprar nos seus negocios teñen que ir á mantenta, xa non haberá clientela de paso, coa conseguinte redución dos potenciais compradores.

Desde o peche, moitos negocios pecharon as súas portas e os que aguanten reportan descensos importantes na súa facturación. Con esta decisión que confirma que o paso xa non se reabrirá, auguran un escenario aínda peor. "Aguantaremos os que poidamos", alerta o presidente.

Lamenta que "a cousa non está ben, moito non se vende" e "non lle vexo moita vida a isto". Ante este escenario, xa augura que "moitos" van pechar. "A ver cantos aguantamos", pregúntase.

Respecto diso, considera que é "unha pena que se perdan 50 ou 60 postos de traballo de autónomos".

A asociación de comerciantes recoñece a "frustración" porque non poden facer nada para cambiar a situación, pois a maioría son inquilinos ou son propietarios dunha zona das galerías non lindeira co paso pecho, de modo que non poden demandar. "Nós non podemos facer nada porque non temos ningún dereito", explica o seu presidente.

A demandante trasladou á asociación de comerciantes que aínda non decidiu se presentará recurso contra esta sentenza, que non é firme, senón que é posible apelar.