A decisión do Concello de Pontevedra de atrasar ao 16 de decembro a data de acendido do alumeado de Nadal causou un gran malestar entre comerciantes, hostaleiros e cidadanía. Este luns, era un tema de conversa recorrente na rúa e levou aos donos e traballadores de negocios a promover unha iniciativa de recollida de sinaturas para facerlle ver a súa molestia aos responsables municipais.
Así, de xeito espontáneo, comezaron unha campaña na que só están chamados a firmar os traballadores e propietarios de negocios dos sectores afectados.
Cualifican a decisión de atrasar as luces de "arbitraria e insolidaria" e destacan o seu impacto cun sector que "foi un dos mais afectados" pola pandemia e "está a pagar agora tamén a crise económica derivada da invasión de Ucraína".
O escrito que están a asinar vai dirixido ao alcalde e a concelleira de Festas, Miguel Anxo Fernández Lores e Carme da Silva, e deixa constancia do seu "malestar", pois xa a crise de prezos está a provocar na cidadanía unha "redución notable" do nivel de consumo que afecta "notablemente" aos seus sectores.
Así, lembran que esta campaña está a ser "moi feble" e que o alumeado de Nadal "supón un revulsivo", xa que incita ao consumo, as compras e a gozar da hostalería da cidade, ademais de atraer xente doutras poboacións cara a Pontevedra.
"Só hai que ver o exemplo do efecto chamada de Vigo para non cuestionar esta afirmación", indican, e engaden que ser a cidade que máis tarde vai a acender as luces e onde menos tempo van permanecer vai provocar que moitas persoas do noso e doutros concellos acudan a outras cidades a consumir e facer as súas compras, co "prexuízo económico que isto vai causar" no sector.
Rebeca, unha comerciante pontevedresa que xa asinou nesta campaña relatou a PontevedraViva que a data do 16 de decembro é "super tardía" e que os comerciantes "non pretendemos nin un lucerío nin un montón de horas de ter iluminada a cidade", pero si que ven "importante para o consumo e para o ánimo dos pontevedreses que haxa un pouco de ambiente navideño".
Comerciantes implicados nesta recollida queren deixar claro que fan esta iniciativa "sen outros intereses que dar un pouco de voz a todos" e que non queren que se interprete a nivel político, senón que "o único que buscamos é un pouco de axuda, de ambiente, de incentivar o consumo, que xa de por si está bastante tocado".
Falan de "desencanto xeneralizado" que afecta tamén a negocios como salóns de peiteado ou negocios de flores, ademais de á cidadanía. Así, por exemplo, este luns, na rúa, tres veciñas, Lola, María e Maricarmen, sinalaron que lles gustaría "que houbera un pouquiño máis de alumeado e un pouquiño antes".
Algúns falan do día 1 de decembro e outros da ponte da Constitución, pero todos coinciden en pedir que o alumeado sexa antes do día 16, para "que Vigo non nos aplaste". Ademais, Maricarmen, veciña de Pontevedra, lembra que "Pontevedra é máis pequena, con moitísimas menos luces que Vigo, quedaría moito máis bonito".
Luis, hostaleiro pontevedrés,asegura que a recollida de sinaturas vai "moi ben", pois coinciden en que "as luces son un gran aliciente para o comercio" e que moitos comerciantes e clientes se queixan de que "a xente marcha de aquí a ver as luces a outras cidades, a Vigo, a Ponte Caldelas, a Vilagarcía...".
ZONA MONUMENTAL
Á marxe desta recollida de sinaturas, Miguel Lago, presidente da asociación de comerciantes Centro Comercial Urbano Zona Monumental, sinalou que segue "sen entender" por que non existe unha regulación de cando se poden acender as luces nos municipios, pois é partidario de que, igual que se aprobou un decreto para o aforro enerxético que obriga a apagar os escaparates pola noite, debería regularse por lei as datas de acendido.
Así, considera que todos os municipios deberían "seguir un mesmo criterio".
Como empresario, sinala que "loxicamente" lle gustaría que as luces xa estiveran desde o 19 de novembro, pois "canto máis bonita estea a cidade", máis se incentiva o consumo, pero tamén recoñece que, se todos os municipios se atrasan por cuestións enerxéticas, "entendémolo".
"A non existencia de luces, prexudícamos", insiste de aí que aposte por esa regulación xeral, pois "o criterio ten que ser unánime, non pode ser que uns empecen antes e outros despois".