Comerciantes de Seixo sofren as graves consecuencias do peche da oficina de Abanca

Marín
23 de setembro 2021

A Asociación de Comerciantes Marín Sur (ACEMAS) reclama ao Concello de Marín presión sobre a entidade financeira para forzar a reapertura dos servizos do banco en Seixo. Afirman que os locais comerciais da zona están a atopar xa dificultades para facer ingresos e retiradas de cartos e vense obrigados a trasladarse ao centro de Marín ou a Bueu para ser atendidos

Cristina Souto e Manuel Solla, presidenta e tesoureiro de ACEMAS ante a oficina de Abanca en Seixo
Cristina Souto e Manuel Solla, presidenta e tesoureiro de ACEMAS ante a oficina de Abanca en Seixo / ACEMAS

A Asociación de Comerciantes Marín Sur (ACEMAS) alerta da situación que está a sufrir o persoal dos establecementos comerciais de Seixo despois de que o 21 de xullo pechara a sucursal bancaria de Abanca na parroquia.

Indican que se atopan con dificultades para realizar ingresos e retiradas de diñeiro, obtención de cambio para as vendas diarias ou o pagamento a provedores, entre outras situacións. O peche da oficina obriga, ademais, a que os responsables dos establecementos teñan que trasladarse ata as oficinas do centro de Marín ou a Bueu co problema que conleva de gastos de traslado, perda de tempo e, en moitas ocasións, espera ante as longas colas que se rexistran nestas oficinas bancarias.

A asociación, que agrupa a comerciantes das zonas de Seixo, Ardán, Santomé e arredores, demanda ao Concello de Marín que realice presión ante a dirección da entidade financeira para forzar a reapertura dos servizos que se prestaban ata finais de xullo en Seixo.

Neste sentido, ACEMAS entende que son moi positivas as accións realizadas desde outros Concellos a través dos seus alcaldes, como é o caso de Portas ou de Campo Lameiro, ao conseguir que se manteña aberta a oficina varios días á semana, ademais de instalar unha unidade móbil os días de feira para ofrecer un servizo á veciñanza.

ACEMAS demanda a mesma presión á alcaldesa María Ramallo para evitar que a vida económica, comercial e turística de Seixo e da contorna continúe afectada gravemente polo peche. Esta asociación realizara protestas ante a decisión da entidade e tamén recolleu 1.500 sinaturas, entregadas na propia oficina de Abanca o último día de actividade na parroquia.