Comerciantes de Santa Clara solicitan unha reunión con Louro para pedirlle que se axilicen as obras

Pontevedra
10 de setembro 2014

Trátase dun encontro no que pretenden trasladarlle o descontento que hai entre eles debido a unhas obras de reforma urbana que, segundo denuncian nun comunicado, paralizaron "case por completo" a actividade comercial da zona

Obras na rúa Santa Clara
Obras na rúa Santa Clara / Mónica Patxot

Os comerciantes da rúa Santa Clara solicitaron unha reunión co concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, ante o estado actual das obras na zona. Trátase dun encontro no que pretenden trasladarlle o descontento que hai entre eles debido a unhas obras de reforma urbana que, segundo denuncian nun comunicado, paralizaron "case por completo" a actividade comercial da zona.

Destacan que dende que comezaron as obras o pasado mes de xuño, "se experimentou un baixón nas vendas ao que non axudaron nada as vacacións estivais", algo que os comerciantes achacan á mala execución dos prazos da obra, "que se foron atrasando paulatinamente, entorpecendo o acceso ás tendas, reducindo os estacionamentos e xerando unha situación evidentemente insostible".

Preocúpalles especialmente o descubrimento de restos do Camiño Vello de Castela, que lonxe de axilizar as obras, "ameazan con paralizalas por tempo indefinido", aseguran, algo que os empresarios con negocios na zona "non estamos dispostos a tolerar".

De aí que na devandita reunión con Antón Louro, ademais de transmitirlle todas estas preocupacións, os comerciantes intentarán conseguir o compromiso do Concello de Pontevedra para continuar as actividades nesta céntrica rúa e executar a fase final do proxecto "para recuperar a normalidade e volver ao ritmo económico habitual".