Calquera cliente que se achegue á galería comercial de Frei Juan de Navarrete detecta o estado de abandono do emprazamento, que contrarresta co bo estado e coidado dos establecementos que alí se atopan, algúns deles con reformas de hai menos de dez anos, segundo nos contan algúns dos donos dos negocios.
Esta galería de Virxe do Camiño atópase nun estado precario, o que prexudica os locais que exercen alí a súa actividade comercial, sempre que a choiva que se cola polo teito o permite. "Hay veces que no podemos abrir los puestos por el agua que cae por el techo, llamamos al Ayuntamiento y no nos dan ninguna solución", contan os vendedores, que prefiren permanecer no anonimato e móstranse moi descontentos cunha situación que definen como "tercermundista" e "de abandono". Por todo isto, seguen reclamando que se lles tome en conta.
Esta zona comercial supón unha importante alternativa para todas aquelas persoas que por idade, falta de tempo ou comodidade non queren desprazarse ata a praza de Abastos para comprar. No recinto hai locais de peixaría, carnicería, bocatería, ultramarinos ou moda, que ofrecen un servizo de calidade en pleno centro de Pontevedra, moi preto da milla urbana situada na rúa Benito Corbal. Por este motivo, os comerciantes esperan e piden ao Concello unha axuda para fomentar o comercio nas galerías.
O problema, como contan os propietarios dos negocios, vén de lonxe. A galería data de 1967, pero a pesar da súa antigüidade os vendedores reclaman que non se levou a cabo unha reforma de gran calibre, senón arranxos esporádicos. No ano 2006, tras unha visita ao lugar por parte da entón concelleira de Promoción Económica, Teresa Casal, constatouse a necesidade de acometer unha serie de reformas para adecentar a galería e paliar as deficiencias existentes, tales como humidades, instalación eléctrica obsoleta e servizos hixiénicos precarios.
Hoxe, 12 anos máis tarde, a pesar das melloras, o teito continúa nun estado deficiente, con importantes humidades que se poden apreciar a simple vista. Algúns alertan, ademais, de que por causa da choiva a bocatería vese obrigada en ocasións a retirar algunhas das mesas da zona exterior. Outro dos puntos afectados é a contorna dos servizos sanitarios, que se atopa en moi mal estado. "La situación ha llegado a un punto en el que incluso hay gente que entra aquí a orinar", segundo nos conta unha das afectadas.
Todas estas deficiencias provocan o malestar dos propietarios dos comercios, que reclaman ao Concello unha mellora integral da galería. "Nos tienen abandonados. Nos dijeron que iban a hacer más reformas, que iban a pintar las fachadas de los locales, y no lo han hecho", coméntannos.
"Cambiaron el techo pero las humedades continúan"
Tres anos antes da visita de Teresa Casal xa se renovou a rede de saneamento e o pavimento con motivo das obras de reforma urbana das rúas Sagasta e Fray Juan de Navarrete, o que motivou que o estado do chan mellorase xa que, segundo apuntan os comerciantes, o antigo escorregaba moito. Con todo, quéixanse de que o novo presenta dificultades para ser varrido e fregado correctamente.
Outro tema importante é a regularización das concesións para os postos do mercado, un tema que, nesa visita do ano 2006, tamén se tratou. A idea era establecer concesións a 25 ó 50 anos cunha serie de contrapartidas, como o dereito a traspaso. Desta forma, a regularización outorgaría certa seguridade á hora de investir nos negocios. Con todo, como declaran algúns, os impedimentos cada vez son maiores.
"Reclamamos que den los puestos inmediatamente porque yo llevo 7 años aquí, prometen y no hacen nada. ¿Por qué razón no dan concesiones? ¿Por qué no echan esto hacia delante? Hay mucha gente joven que quiere trabajar y le ponen la excusa del papeleo", quéixanse os afectados. A pesar das condicións do recinto comercial, cando se actualizaron as taxas da praza de Abastos, os vendedores señalan que tamén se lle subiron aos de Frei Juan de Navarrete, aínda que sen contraprestacións a cambio.