"Cambiamos de compañía de teléfono pero para cambiar de compañía da luz temos medo. Non nos entrou na cabeza a liberdade de mercado", así resume Pepa Vázquez, coordinadora da Asociación Boa Vida, que loita contra a pobreza e a exclusión social, a mentalidade da cidadanía en relación co sistema controlado por grandes empresas eléctricas.
Para ofrecer unha alternativa a estas compañías da luz naceu Nosa Enerxía, unha cooperativa galega de orixe cidadá e sen ánimo de lucro, que nos seus catro anos de existencia logrou sumar 600 socios en toda Galicia, un centenar deles residentes na provincia de Pontevedra.
Este xoves, o presidente de Nosa Enerxía, Pablo Álvarez acompañado por persoal de Boa Vida informaba na praza da Peregrina sobre esta opción para rebaixar a factura da luz a través dunha proposta que fomenta as enerxías renovables.
Esta cooperativa compra a produtores de enerxía renovable para ofrecer o servizo tanto en vivendas particulares como en industrias ou para administracións públicas como sucede en concellos como o de Moaña ou Ames.
Indican que o sistema para apuntarse é tan sinxelo como acceder á súa web, introducir os datos e contratar a luz. Nun prazo de 15 días, a luz pasará a ser facturada por esta cooperativa en lugar de grandes compañías como Iberdrola, sinala Pablo Álvarez. Para ser socio consumidor é necesario realizar unha achega de 100 euros ao capital social pero se o usuario está apadriñado por unha asociación como Boa Vida non é imprescindible esta condición, segundo sinala Pepa Vázquez.
Pablo Álvarez lembra que o importante é que as persoas poidan aforrar na factura da luz. Indica que hai dous anos lograron rebaixar en 80 euros ao ano a factura dun consumidor medio respecto das grandes compañías. En 2017 a rebaixa foi dun euro.
Explican que o aforro na comercialización resulta complicado. Por iso promoven a xeración de enerxía e apoian a instalación de paneis fotovoltaicos para fomentar o autoconsumo e coa posibilidade de vender os excedentes á propia cooperativa. Álvarez lembra que Galicia conta con sol, choiva e vento para elaborar enerxía e que sofre a presenza de parques eólicos ou de centrais hidráulicas de grandes compañías sen obter beneficios a cambio.
"O prezo da luz sobe porque hai movementos moi raros", afirma Pablo Álvarez, que sinala que este tipo de cooperativas cidadás son frecuentes no norte de Europa con moi bos resultados: "en Alemaña, o 52% da enerxía renovable está en mans da cidadanía, en Galicia xa vemos quen son os propietarios dos parques eólicos", apunta o representante deste colectivo.
A sede de Nosa Enerxía atópase en Vilagarcía de Arousa. En Pontevedra, a información pode obterse nas instalacións da Asociación Boa Vida, na rúa Cruz Vermella.