"Comede, bebede e pasádeo ben, pero con sentidiño", dixo un ano máis o Rey Urco abrindo así o Entroido de Pontevedra.
A bordo dun barco chegou á praza da Ferrería o monarca carnavalero acompañado dos pregoeiros, a Asociación Recriativa de Xeve que reivindicou a contribución do rural en "á cultura e a actividade festiva en Pontevedra".
Foi ademais un percorrido polos vinte e un disfraces que levaron nas distintas edicións nas que participaron no Entroido.
Ángeles Abelleira, portavoz da Recriativa de Xeve, lembrou que eles son tamén os encargados de confeccionar o loro Ravachol.
O pregón marca o pistoletazo de saída a unha semana festiva que ten como un dos seus principais atractivos o desfile do Entroido previsto para as 17 horas deste sábado día 22.
A caravana partirá de Xosé Malvar e concluirá na Praza de España e Alameda.
Unha das novidades deste ano é a instalación dunha plataforma de dez metros para facilitar a visión do desfile ás persoas con mobilidade reducida que será instalada diante da Casa do concello.
Ao finalizar o desfile dará comezo a festa do Entroido na que se entregarán os premios do concurso de disfraces, que este ano inclúe entre os agasallos unha figura do Ravachol en cerámica de Sargadelos.