Combarro, o nunca visto en 50 anos e moitas doses de humor: descalzos ao baño ou en piragua pola rúa

Poio
30 de outubro 2023

A auga chegou ata as casas, asolagou baixos, restaurantes e tendas e, nalgúns negocios, causou importantes desfeitas. Os máis vellos do lugar sinalan que é habitual que dúas veces ao ano a auga asolague rúas e prazas, pero non nos termos do sábado. Para atopar o último episodio similar, fai falta remontarse medio século  

Inundacións polas mareas vivas e a borrasca en Combarro / Mari Salgado

Hai medio século que non se vivía en Combarro unha escena similar á rexistrada o pasado sábado. A auga chegou ata as casas, asolagou baixos, restaurantes e tendas e, nalgúns negocios, causou importantes desfeitas. Os máis vellos do lugar sinalan que é habitual que dúas veces ao ano a auga asolague rúas e prazas, pero non nos termos do sábado pasado e que, para atopar o último episodio similar, fai falta remontarse 50 anos

Lémbrao Jaime Alvariñas. O seu fillo Carlos rexenta o bar O Peirao, na praza do mesmo nome, a zona cero da auga, e o sábado, tras o ocorrido, preguntoulle se lembraba algo similar. "Díxome que pasara iso hai 50 anos, cando estaba a facer a casa". 

Confírmao Juan Jesús, veciño da casa de á beira. No seu caso, o sábado non estaba e non puido vivir en primeira persoa o ocorrido, pero sinala que hai 50 anos si pasara. "Tiña 5 ou 6 anos", sinala, a última vez que viu como a auga lle chegaba ata a porta da casa. 

Nos últimos anos non se repetiu porque nesta zona de Combarro, na Rúa do Mar e a praza O Peirao, realizáronse sucesivas obras nas últimas décadas para elevar o nivel do chan sobre a auga e evitar este tipo de episodios. Pódese ver hoxe en día nas escaleiras do antigo peirao ou nalgunhas portas, que quedan máis abaixo do nivel da rúa. 

O sábado produciuse esta escena histórica pola confluencia de varios factores: mareas vivas e a pleamar e unha borrasca de auga á mesma hora. O resultado foi que o nivel do mar subiu tanto que chegou a zonas inusitadas. 

Carlos Alvariñas explica que dúas veces ao ano, na marea de Pascua e en agosto, adoitan ter episodios nos que a auga chega ata a metade da praza O Peirao, pero nada das dimensións do ocorrido o sábado. No seu caso, causoulle algunha pequena desfeita no almacén e obrigounos a desmontar a terraza, o seu punto forte

As mesas e cadeiras flotaban e os biombos que separan a terraza empezaban a escaparse cara ao mar, de modo que decidiron recoller todo. 

Más danos sufriu a Adega O Bocoi, situada na Rúa do Mar, a principal da zona peonil de Combarro, chea de negocios de hostalería e tendas de recordos e artesanía. A súa dona, Josefa, sinala que están afeitos a que a auga lles chegue ao local, pero non tanto

O sábado tiñan o local cheo para as comidas cando a auga empezou a subir, causoulle dano nos conxeladores e deixoulles sen luz. Ademais, chegou un momento en que subiu tanto que os clientes se mollaron, pero o mellor foi que todo o mundo tomouno con humor. 

"A xente tomouno con moito humor. Como non está afeita, había xente estranxeira que dicía Venecia", explicou este luns, mentres facía balance dos danos e esperaba a que o seguro o peritase. 

Segundo explicou, a clientela empezou a descalzarse e algúns sacaron a outros do local ao carrelo. "Un camareiro que teño moi simpático díxolles: o que queira saír seco de O Bocoi, 10 euros e lévoo dacabalo"

O humor tamén levou a un veciño desta rúa para sacar a piragua e percorrer a praza O Peirao sobre a súa embarcación, nunha imaxe que causou sensación entre a clientela dos negocios. 

Ao día seguinte, o domingo, tamén choveu moito á hora da pleamar, pero a auga non alcanzou niveis tan altos. O Bocoi puido abrir, aínda que sen luz e cunha carta máis limitada porque non tiña electricidade na cociña nin conxeladores. A clientela non tivo medo á auga e acudiu aos seus reservas. 

Igualmente con moito humor tomárono os clientes da tapería Pedramar. O seu dono, Elio, explica que no comedor non tiñan auga, pero si nun planta inferior do negocio, onde ten a terraza, o almacén e os aseos. 

A auga impediu usar a terraza, danou dous conxeladores e a tarima do almacén e asolagou o baño. Ese bo talante dos clientes fixo que "descalzázonse para ir ao cuarto de baño, para non mollar o calzado". 

A partir das 16.00 horas do sábado, a xente ía pola rúa con botas de auga, coa auga cubrindo ata media perna -chegou a subir 50 centímetros- e mesmo descalzos. Finalmente, quedouse nunha anécdota que moitos lembran con agarimo e que outros esperan que non se volva a repetir.