Domingo de celebración na Praza da Chousa ao cumprirse cincuenta anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico, un acontecemento que se remonta ao ano 1972. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; e os integrantes da Corporación municipal acudían a este acto presentado pola actriz Bea Campos.
A emoción e o humor destacaron neste evento no que se proxectaba o vídeo 'Lembranzas: Memoria viva da historia de Combarro', un traballo no que se fai referencia á historia, ao valor patrimonial da vida, á tradición e, principalmente, á xente desta contorna turística. Por este motivo, residentes na zona contaban neste peza audiovisual as súas experiencias relacionadas coa evolución da parroquia mariñeira ao longo das últimas décadas.
A continuación, as autoridades entregaron un obsequio ás persoas participantes no vídeo e a representantes dos colectivos implicados nas actividades desta conmemoración como A Solaina, Armadiña, O Ateneo Corredoira, Clube Mariño A Reiboa e a Comunidade de Montes Rega dos Agros.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, destacou a identidade auténtica de Combarro, "un lugar único e marabilloso", expuxo #ante o público asistente ao acto. Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio, Marga Caldas, convidou a seguir marcándose obxectivos para o futuro desta zona.
Luciano Sobral pechou o acto encomiando o traballo e os esforzos realizados por veciñas e veciños que "conseguiron facer de Combarro un lugar de referencia en todo o mundo". Durante a celebración non faltou a música a cargo de Caamaño&Ameixeiras.