O pavillón municipal de deportes da Lama converterase este domingo nun gran escaparate artesanal con motivo da celebración do II Mercadillo de Nadal, unha iniciativa da ANPA Cal do Vergazo en colaboración co Concello que reunirá a 51 artesáns durante toda a xornada.
O evento, que se desenvolverá en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas, foi presentado polo alcalde David Carrera xunto coa presidenta da ANPA, Pomba Longueira, e as colaboradoras Marisa Sieiro e Rocío Quiroga.
Entre as novidades desta edición destaca a presenza dun stand solidario da ANPA baixo o lema "Colle o que queiras e paga o que poidas", onde se poderán adquirir xoguetes e libros a prezos solidarios.
Ademais, a oferta gastronómica incluirá comida mexicana e opcións veganas.
A programación inclúe múltiples actividades para os máis pequenos, con obradoiros de decoración de madeira, escaiola, elaboración de trenzas, cesteiría, goma eva, fieltro, xogos e marionetas.
Os cativos tamén poderán depositar as súas cartas nun buzón especial destinado a Papá Noel, os Reis Magos e O Apalpador.
A animación musical correrá a cargo do grupo "Nós tamén imos", da Insua de Ponte Caldelas, que porá a nota musical a esta xornada festiva que aspira a consolidarse como unha cita anual no calendario de eventos do municipio.
Tanto o alcalde como a presidenta da ANPA fixeron un chamamento á veciñanza para que se achegue ao evento, que conta co apoio dos establecementos comerciais da zona.