Ao redor das 16:20 horas deste venres 9 de xuño producíase un accidente de tráfico nas inmediacións do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, cun coche e un patinete eléctrico implicados.
O coche circulaba pola rúa do Xeneral Martitegui e o patinete eléctrico pola rúa da Alameda, procedente da zona peonil que discorre por diante da Subdelegación do Goberno.
Cando o coche se ía incorporar á rúa paralela á Alameda, produciuse o impacto, nun punto próximo á entrada do aparcamento subterráneo.
Debido ao choque, o condutor do patinete eléctrico saíu despedido varios metros e caeu sobre o asfalto.
O patinete quedaba enganchado nos baixos do automóbil, que o foi arrastrando uns metros, segundo confirmaron a PontevedraViva testemuñas presenciais.
Inicialmente, ao lugar do accidente trasladáronse efectivos da Policía Nacional que custodian a Subdelegación do Goberno. Ao tratarse dun edificio de especial vixilancia e protección, chamaba a atención o amplo despregamento de policías nacionais.
Estes axentes axudaron ao persoal da ambulancia que se desprazou de inmediato para asistir ao accidentado, mentres que a intervención para facer as medicións na calzada e solicitar o testemuño da condutora do coche, que resultou ilesa, foi realizada pola Policía Local de Pontevedra.
O condutor do patinete eléctrico foi asistido no interior da ambulancia durante 20 minutos, ao cabo dos cales foi trasladado ao Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez para facer unha valoración en profundidade. Queixábase dun forte golpe nun costado, estaba consciente e, en principio, segundo confirmaron os sanitarios a un amigo do accidentado, as contusións non revisten gravidade.
O condutor do patinete, de 24 anos, dirixíase ao seu traballo, nun local de hostalería moi próximo ao punto do accidente, na zona da Alameda.