Colectivos sociais reprochan ao Concello que a súa "pelexa" con ENCE pode "acabar prexudicando" ás asociacións de Pontevedra

Pontevedra
04 de novembro 2016

A Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (AFAPO) e a Asociación Déficit Atención Hiperactividade de Pontevedra-TDAH-(ADAHPO) emitiron un comunicado

José Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Alzheimer de Pontevedra (Afapo)
José Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Alzheimer de Pontevedra (Afapo)

A Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (AFAPO) e a Asociación Déficit Atención Hiperactividade de Pontevedra-TDAH-(ADAHPO) emitiron un comunicado no que reprochan ao goberno local de Pontevedra que a súa "pelexa" con ENCE pode "acabar prexudicando" ás asociacións de Pontevedra.

Estas asociacións reaccionan con este escrito "ante a situación de incerteza producida pola falta de entendemento" que, ao seu xuízo, existe polo compromiso da empresa pasteira de destinar 3 millóns de euros anuais por cada un dos 60 anos de prorroga dos que gozase a fábrica, é dicir, un total de 180 millóns para fins sociais. Esta "incerteza" está producida porque o Concello de Pontevedra convidado na comisión que tería que repartir estes fondos "nin esta nin se lle espera e por conseguinte a situación esta bloqueada".

Desde estas asociacións lembran que cumpren un labor social, "que chegamos alí onde as administracións non sempre o facían", e que pechan as súas contas anuais "con máis dificultades que outra cousa" polo que dependen en boa parte das axudas das institucións públicas ou entidades privadas. "Sen ese apoio extra, os números non cadran, os medos afloraban e a supervivencia facíase complicada. Por iso, cada acordo, cada inxección económica, supoñía unha alegría, unha especie de prórroga, de combustible, que nos permitía chegar máis lonxe", afirman.

Por iso é polo que din non entender "a que está a esperar o Concello de Pontevedra para axilizar a repartición de axudas que Ence ten previstas para todos os anos que dure a concesión da empresa". 

"Vostedes saben o que significan tres millóns de euros para colectivos como os nosos? Cren que temos medios, todos nós en conxunto, para conseguir ese diñeiro cada ano durante décadas? Se cren que hai algunha maneira de que nos podamos sequera achegar a esas cantidades é que non coñecen o noso día a día, que non saben o que nos custa. Vemos como outros concellos ,concretamente o de Marin xa se están reunindo con asociacións e colectivos para canalizar as súas demandas, as súas dúbidas e as súas preguntas. E aquí? Aquí non sabemos nada e a verdade é que temos medo de chegar os últimos á repartición, que este deixamento nos prexudique aos que necesitamos ese diñeiro para seguir desenvolvendo o noso labor".

O escrito conclúe pedindo aos membros do goberno local que "fagan vostedes a política que queiran, critiquen á empresa e todo o que lles pareza, pero non provoquen que esa pelexa acabe prexudicando ás asociacións do concello, a colectivos que non teñen nada que ver con ese enfrontamento entre Concello e empresa. Iso non vai connosco. Sinceramente, non nos merecemos o que está a ocorrer".

Arquivado en